Todos os grupos políticos de Poio instan ás entidades bancarias a garantir unha atención axeitada a persoas maiores
Por Redacción
O Concello de Poio insta as entidades bancarias do municipio a que presten unha atención adecuada tanto a persoas maiores como a clientes vulnerables. A decisión adoptouse no último pleno tras aprobar a moción da concelleira responsable de Participación Veciñal, Silvia Díaz, de Avante Poio.
A concelleira explicou que é necesario que os bancos incrementen recursos durante todo o horario de oficina para dar resposta ás necesidades dos clientes, especialmente no caso de persoas de avanzada idade que teñen dificultades para acceder á xestión en liña.
Na resolución aprobada reclámase ás entidades que presten unha "atención prioritaria" ás persoas consumidoras vulnerables de Poio. Tamén piden ao Banco de España, organismo regulador do sistema financeiro, que vixíe que os produtos financeiros que ofertan estas empresas bancarias non conteñan publicidade que poida resultar enganosa para estes colectivos.
Ao mesmo tempo solicitan que non se cobren comisións aos pensionistas, ao mesmo tempo que esixen unha información adecuada sobre os seus servizos e produtos. Todos os grupos apoiaron a proposta tamén para solicitar á Xunta de Galicia, a través do Instituto Galego de Consumo e Competencia, que impulse campañas colectivas de reclamacións bancarias, estudos sobre a vulneración dos dereitos e ofrecer información ás persoas consumidoras.
Díaz alertou sobre os "abusos" por parte destas entidades para reducir postos de traballo limitando a asistencia "in situ" ás oficinas, co obxectivo de favorecer a banca electrónica, que provoca desatención nas persoas maiores á hora de pagar recibos ou efectuar outras xestións presenciais.
Segundo a concelleira en Poio hai máis de 3.500 persoas empadroadas maiores de 65 anos que deben ter as mesmas posibilidades á hora de acceder ao servizo presencial. No Concello de Poio sufriuse, meses atrás, o peche dunha oficina de Abanca en Campelo, malia a oposición veciñal e política a esa decisión.
Relacionadas:
-
Poio pasa a Caixabank en resposta ao peche da oficina de Abanca de Campelo
Por Redacción |
-
Un caixeiro automático non soluciona os problemas provocados por Abanca en Raxó
Por Oskar Viéitez |
-
Aviso de Poio a Abanca: "Estamos en pé. A oficina de Campelo non se pecha
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |