Denuncian a subtracción dunha das pezas do Portelo de San Xoán, en Cuntis
Por Redacción
A Plataforma Veciñal na Recuperación do Patrimonio Termal de Cuntis denuncia que na contorna do Portelo de San Xoán alguén subtraeu unha das pezas que conforman este elemento histórico para colocala arrimada xunto a unha parede de bloques de cemento dos arredores.
O descubrimento produciuse despois da investigación realizada polos membros deste colectivo no catálogo de bens deste municipio que figura na Delegación Provincial de Pontevedra. Este elemento aparece documentado no cartafol do centro histórico de Cuntis.
No cartafol detállase que "no entorno da actual igrexa parroquial a uns 40 metros ao noreste do altar, hai restos visibles dunha cancela ou portelo denominado popularmente como Portelo de San Juan. Nós pensamos que se trata da antiga porta de acceso ao couto do mosteiro medieval de San Xián de Cuntis, posiblemente circundado ou valado ben por un muro de pedra, madeira ou terra. Para o asentamento dos mosteiros seguíase unha norma canónica vixente naquela época na que se establecía que entorno a un espazo sagrado se acotase un espacio circular cun radio que variaba segundo a categoría da igrexa, polo xeral os doce primeiros pasos eran destinados para o cemiterio e o resto, uns 18 pasos, para a terra de labor que garantira o mantemento dos seus habitantes. Este espacio circular estaba valado ou circundado. Esta primitiva organización eclesiástica é característica da época que figura na inscripción da igrexa de Cuntis no século XI, que corresponde co mandado do abade Adaulfo. Varios casos en Galicia confirman a existencia destes pequenos mosteiros”.
Por todo iso, desde a asociación solicitan que "se indique quen autoriza que se mova ese elemento histórico e arqueolóxico cuntiense" e certifíquese se houbo ou non o pertinente informe previo e autorización respectiva de Patrimonio.
De non ser afirmativa esta cuestión, reclaman que se poñan en contacto con Patrimonio da Xunta para advertir do estado estrutural deste elemento histórico, se indique se houbo respaldo dalgún informe para o traslado, se pregunte ao Concello se son coñecedores deste feito e, finalmente, se restitúa o elemento retirado.
"Non se pode divulgar o patrimonio e non loitar pola súa conservación. Non se pode buscar turismo de calidade como fonte de desenvolvemento local e propiciar, promover ou consentir tanto a deterioración dun casco histórico, hoxe en estado calamitoso", rematan a súa denuncia.