Interceptan varios envíos a Europa con droga nun servizo de paquetería en Cambados
Por Redacción
Dous mozos da Illa de Arousa foron detidos pola súa relación os envíos de varios paquetes con droga, que foron intervidos no servizo de mensaxería dunha empresa de transportes de Cambados.
A ambos, que teñen 26 e 21 anos, investígaselles por un presunto delito contra a saúde pública, segundo informou a Garda Civil, que confirma que a investigación sobre eles comezou en outubro do 2021 por mor das sospeitas que levantou un destes paquetes.
Tras interceptar o primeiro destes paquetes, depositados nun dos puntos de recollida dunha empresa internacional de transporte, os axentes localizaron sete máis das mesmas características, con destino de diferentes cidades europeas.
Os paquetes, que foron abertos en sede xudicial, contiñan 1,5 quilos de inflorescencias secas de marihuana e dez gramos cantidades de haxix de diferentes tipos.
Os axentes sospeitan que a intencionalidade destes paquetes era a de dar a coñecer aos seus receptores a disposición á hora de facer envíos destas substancias.
No marco desta operación, que foi bautizada co nome de "Maribox", os investigadores descubriron que o autor dos envíos utilizaba como remitente diferentes nomes, apelidos e domicilios ficticios, que nada tiña que ver coa súa propia identidade.
Unha vez identificado o presunto remitente, a través de diversas dilixencias de investigación, a Garda Civil comprobou que este compartía unha vivenda en réxime de alugueiro, na Illa de Arousa, con outro mozo e que ambos tiñan amplos antecedentes policiais.
O xulgado de instrución número 3 de Cambados autorizou o rexistro no domicilio, onde os axentes acharon 15,5 quilogramos de haxix ou resina desta substancia, 2,1 gramos de cocaína e 1 quilogramo de inflorescencias secas de marihuana.
Tamén se interviñeron efectos e elementos relacionados coa elaboración e cultivo das plantas de cánnabis sativa, entre eles extractores, ventiladores, macetas, abonos, paneis de iluminación artificial e unha prensa artesanal.
Tanto a droga como os efectos intervidos e os detidos, foron postos ao dispor da autoridade xudicial, que decretou a súa liberdade provisoria con cargos.