Un can solto reincidente ataca a outro causándolle feridas de gravidade
Este luns 21 de febreiro a Policía Local de Poio realizou unha proposta de sanción á Consellería de Medio Ambiente para dar parte dun can solto que mordeu a outro can provocándolle lesións graves.
Segundo a información facilitada pola Policía na súa conta de Facebook, este animal conta con máis ataques no seu historial na base de datos de XESPOL, a plataforma de xestión policial utilizada en concellos coma Poio, Bueu ou A Illa de Arousa.
Os seus antecedentes constan de dous ataques a cans en decembro de 2020 e dous ataques a persoas en marzo de 2021, entre as que se atopa unha menor de idade. Debido a estas actuacións, xa se rexistraron dúas comparecencias de denuncias da veciñanza.
A Policía Local de Poio indica que non se trata dun can de raza potencialmente perigosa pero, segundo sinala, debido a estes ataques xa pasa a considerarse perigoso.