Os tres sobreviventes do naufraxio, "abatidos" e expectantes ante o seu regreso a España
Por Alejandro Espiño
Compás de espera para o regreso a España dos tres sobreviventes do naufraxio do Villa de Pitanxo, que afundiu o pasado martes nas xélidas augas de Terranova (Canadá).
Juan Padín, patrón do barco, e o seu sobriño, Eduardo Rial, ambos os dous veciños de Cangas, e o ganés Samuel Kwesi, residente en Marín, atópanse nun hotel próximo ao porto de San Juan de Terranova, onde desembarcaron este sábado tras ser rescatados en alta mar.
Os tres, que se atopan "fisicamente ben" segundo as autoridades, están "afectados animicamente" por todo o sucedido e desexando reencontrarse cos seus familiares.
Tras a súa chegada a terra, foron recollidos por un vehículo do consulado e non fixeron aínda ningún tipo de declaración pública.
Los supervivientes del #VilladePitanxo ya en #Terranova. Con buen aspecto físico pero muy abatidos.
— Almudena Ariza (@almuariza) February 19, 2022
En las próximas horas llegará el avión militar para repatriar a las víctimas. pic.twitter.com/RpIV2aTwMZ
A previsión é que cheguen mañá ao aeroporto de Santiago, onde serán recibidos polo presidente do Goberno, Pedro Sánchez. Ata alí tamén se desprazarán as familias dos doce mariñeiros aínda desaparecidos para tratar de reunirse co titular do executivo español.
No avión que traerá aos sobreviventes a España viaxarán tamén os corpos dos nove falecidos, aínda que os que teñen orixe peruana serán trasladados ao seu país natal.
Trátase de Fernando Santomé (cociñeiro), veciño de Bueu; Rogelio Franco (axudante de cociña), peruano afincado en Pontevedra desde hai dez anos; ou o mariñeiro de Cambados Miguel Lumbres, que se embarcou para substituír a un compañeiro de baixa.
Juan Antonio Cordero (primeiro oficial), natural de Huelva; William Arévalo, mariñeiro afincado en Marín; Ricardo Alfonso (engraxador), o ganés Apaanah Pelungo e os peruanos Daniel More e Diego More, tío e sobriño; completan a lista de falecidos nesta catástrofe marítima.
Estes dous últimos son familia de Edwin Córdoba, aínda desaparecido xunto con Fernando González, de Moaña; Raúl González, de Cangas, que ía no barco como alumno en prácticas; o marinense Francisco de Pazo (xefe de máquinas) ou Pedro Herrera, tamén natural de Marín.
Tampouco se localizou aínda ao canario Francisco Manuel Navarro, que ía no barco como observador; a Ricardo Arias, de Marín, que xa sobrevivira a un naufraxio similar; a Fernando González ou aos peruanos Juan Frías, Martín Quino e Jonathan Calderón.
Os doce desaparecidos complétanse cos ganeses Michael P., residente en Marín desde hai cinco anos, e Edemon Okutu, irmán do atleta olímpico Jean Marie Okutu.
Relacionadas:
-
A Fiscalía abre dilixencias para acelerar a declaración de falecemento dos desaparecidos
Por Natalia Puga |
-
"Ya basta de tanta mentira", clama a esposa dun dos desaparecidos, que esixe "respuestas"
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
Mensaxes desgarradas e solidarias en Marín: "Trátase de persoas, de vidas humanas"
Por Natalia Puga & Cristina Saiz |
-
Clamor multitudinario en Marín para que se retome a busca dos mariñeiros do Pitanxo
Por Cristina Saiz & Oskar Viéitez |
-
Sae cara o Canadá o avión para repatriar os mariñeiros do Villa de Pitanxo
Por Alejandro Espiño |
-
Finaliza a identificación en Canadá dos nove mariñeiros falecidos tras o afundimento do Villa de Pitanxo
Por Oskar Viéitez |
-
As familias da tripulación do Villa de Pitanxo mobilízanse para que siga a procura
Por Cristina Saiz & Oskar Viéitez |