Cuntis adxudica a Sociser Galicia o servizo de Atención Domiciliaria por 1,4 millóns ao ano
Por Redacción
A Xunta de Goberno Local de Cuntis vén de adxudicar á empresa Sociser Galicia o contrato de Atención a Domicilio por un importe de 1.408.680 euros anuais. Uns 2,8 millóns de euros polos dous anos nos que se desenvolverá o servizo.
Ao procedimento de contratación concorreron 4 empresas, unha delas non reunía os requisitos mínimos para ser valorada e das tres restantes a adxudicataria foi a que logrou a puntuación máis alta.
O programa de atención domiciliaria de Cuntis atende a unha media anual de 80 persoas con diferentes grados de dependencia que reciben nas súas residencias o apoio de persoal especializado que contribúe a facer máis levadeiros os coidados das persoas nos seus fogares.
Tarefas como axudar aos usuarios na súa hixiene persoal, administración de medicación, acompañalos en paseos terapéuticos que contribúen a mellorar a súa mobilidade, facerlles a compra ou incluso cociñar para eles son algunhas das tarefas que asume o persoal do servizo municipal.
Este programa municipal contribúe á conciliación das familias con persoas maiores ou dependentes ao mesmo tempo que facilita que os maiores que viven sos poidan seguir facéndoo.
O envellecemento da poboación é un problema que preocupa a Cuntis, ao igual que ao resto de municipio pequenos galegos e que obriga ao goberno local a implementar programas e políticas concretas destinadas ao coidado aos maiores. Desde o Concello recordan que para optar a este servizo municipal o primeiro paso é dispor dunha valoración de Benestar Social na que se estipule o grado de dependencia.
O alcalde de Cuntis recoñece que este servizo municipal supón un importante esforzo orzamentario para un Concello pequeno no que o gasto corrente absorbe a meirande parte das contas anuais, "pero temos moi claro que a nosa prioridade son as persoas, e os nosos maiores merecen que fagamos este esforzo económico para que eles poidan permanecer nos seus domicilios coa mellor atención posible. Este programa é irrenunciable para nós".
CUNTILÍN
A Xunta de Goberno Local de Cuntis adxudicou á empresa Servicios Integrales de Formación SL a continuidade do programa de conciliación familiar "Cuntilín" durante os próximos dous anos, a través dun contrato prorrogable e dotado cunha partida de 206.250 euros por exercicio.
Foron tres as empresas que presentaron oferta para desenvolver este programa municipal resultando adxudicataria a que maior puntuación acadou que engadiu como melloras o desenvolvemento de 8 actividades complementarias e a prestación do servizo con 8 especialistas así como a organización de catro saídas cos rapaces inscritos no programa.
"Cuntilín" é un programa municipal que se desenvolve todo o ano nas instalacións do colexio Don Aurelio para nenos de Educación Infantil e Primaria en horario de tarde, de 15.30 a 20.00 horas durante o curso escolar e polas mañás en períodos de vacacións para facilitar a conciliación da vida laboral, persoal e familiar das familias de Cuntis. Aporta ademáis unha función educativa coa organización dunha serie de actividades que fomenten as capacidades persoais de cada neno e nena favorecendo a comprensión da realidade e integrando a dimensión cogsnoscitiva, afectiva e social.
Relacionadas:
-
Manuel Campos promete aos participantes no Cuntilín unha festa con inchables
Por Redacción |
-
A veciña de Troáns, Manuela Reboredo cumpre tantos anos como nenos ten o Cuntilín
Por Redacción |
-
Produtos de tempada para aprender a cociñar en Cuntis
Por Redacción |
-
As 28 traballadoras de axuda a domicilio de Cuntis conservarán o seu emprego coa nova adxudicataria
Por Redacción |
-
"Os salarios de miseria e a sobrecarga de traballo" levan á folga ás traballadoras das residencias de maiores privadas
Por Oskar Viéitez |
-
Cuntis aproba o inicio do procedemento de servizo de axuda no fogar
Por Redacción |