Marín chora "polos que se foron" nun naufraxio que é un "drama compartido"
Por Alejandro Espiño
A corporación municipal de Marín gardou este mércores un sentido minuto de silencio -que acabaron sendo cinco- en recordo das vítimas do naufraxio do Villa de Pitanxo en augas de Terranova (Canadá).
"Hoxe choramos polos que se foron. Choramos nós e Galicia enteira porque é un drama compartido", afirmou a alcaldesa do municipio, María Ramallo, que leu a declaración institucional consensuada por todos os edís marinenses.
Nun pleno extraordinario convocado de urxencia, ao que apenas asistiu público polo protocolo anticovid, Ramallo prometeu que o Concello será "rede de amparo" para todas as familias "que hoxe están rotas" e coas que todos "compartimos a súa dor".
A data deste naufraxio, segundo a rexedora, "nunca a imos a esquecer" en Marín, vila que xa no pasado sufriu "golpes durísimos" con sinistros marítimos "que non saen da nosa memoria".
Esa "dobre cara" do mar, a "amable" que representa a riqueza da pesca e "bela" pola tradición mariñeira e a "dura" das longas travesías e "cruel" pola posibilidade "de que todo saia mal", engadiu Ramallo, "forma parte do noso ADN".
Tras destacar que "non podemos nin imaxinar a sensación de intranquilidade nin a inmensa tristeza e dor" das familias dos 24 mariñeiros do Villa de Pitanxo, a alcaldesa de Marín subliñou que todas elas estarán acompañadas "ao longo do duro proceso que vén agora".
"As consecuencias emocionais deste golpe aínda perdurarán moito máis alá destes días", asegurou María Ramallo, que ofreceu a "man tendida" deste Concello a todas as administracións para servir de "ponte e axuda" a todos os afectados por esta traxedia.
En Marín, concluíu a rexedora, "somos de mar e seguirémolo sendo a pesar das desgrazas" e dos "momentos desoladores" que deixan catástrofes marítimas como esta.
O naufraxio do Villa de Pitanxo, segundo precisou Salvamento Marítimo deixa por agora nove falecidos -e non dez como confirmaran as autoridades canadenses-, tres sobreviventes e doce persoas aínda desaparecidas.
Relacionadas:
-
Galicia pide seguir buscando os desaparecidos: "Suspendelo de forma abrupta é difícil de explicar"
Por Alejandro Espiño |
-
Os sobreviventes do Villa de Pitanxo chegarán mañá a terra firme
Por Alejandro Espiño & Natalia Puga | Creada e actualizada
-
"Mis hijos me preguntan cuándo viene papá y no sé cómo decirles nada"
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
Un erro no reconto rebaixa a nove os falecidos "oficiais" do Villa de Pitanxo
Por Alejandro Espiño |