O terceiro sobrevivente do naufraxio é de Ghana e reside en Marín
O terceiro mariñeiro que sobreviviu ao naufraxio do Villa de Pitanxo en augas de Terranova (Canadá) é un home natural de Ghana e que reside desde hai anos en Marín. Así o confirmou a conselleira do Mar, Rosa Quintana, unha información que corroboraron a PontevedraViva diversas fontes.
Trátase de Samuel Kwesi, un mariñeiro de 30 anos que ten cinco fillos. El sumaríase a Juan Padín, o patrón do barco, e ao seu sobriño, Eduardo Rial, ambos de Cangas, cuxo rescate foi aclarado por parte dos seus propios familiares.
Do resto de mariñeiros, pola súa banda, non houbo novidades con respecto ao seu estado. Hai dez falecidos mentres que, oficialmente, once máis permanecen desaparecidos.
Os tres sobreviventes, que se atopan a bordo do pesqueiro galego Playa de Menduiña Dos, segundo explicou o presidente galego, Alberto Núñez Feijóo, teñen que ser persoas "muy fuertes" porque é "muy difícil permanecer con vida" en tan adversa situación.
Tras unha reunión co Goberno, casa armadora e os alcaldes de Marín, Bueu, Cangas e Moaña, os "más afectados" polo sinistro, Núñez Feijóo apuntou que aguantar nunha balsa coa temperatura da auga e o "riesgo de hipotermia" é algo "realmente complicado".
O mandatario galego, preguntado pola posibilidade de atopar a máis persoas que sobrevivisen á traxedia marítima, mostrouse moi cauteloso, pero aínda que subliñou que a "esperanza nunca se pierde", tamén é certo que apuntou que as condicións do mar "son como son" e as temperaturas da auga "son coñecidas".
Interpelado pola repatriación de corpos, Feijóo dixo que "primero hay que llevar los cuerpos a tierra", facer a identificación e xa a partir de aí "se activará el sistema".
Mentres tanto, Galicia activou un protocolo "semejante" ao establecido tras o accidente do Alvia en Santiago. Así, serán os psicólogos da comunidade, en colaboración con Cruz Vermella, os que "notifiquen" ás familias calquera información sobre os mariñeiros.
Desde hoxe mesmo "si es posible", sinalou o presidente galego, cada familia terá á súa disposición un psicólogo para "cualquier duda o cualquier tratamiento si es necesario".
A medida que haxa máis información ou a "confirmación legal" do falecemento dalgún dos tripulantes de Villa de Pitanxo, serán estes profesionais "los que comuniquen a la familias el hecho luctuoso", ao mesmo tempo que se comunica a cásaa armadora.
Para os achegados das vítimas, segundo Núñez Feijóo, esta situación é un "doble dolor", xa que ao feito de "no saber" a situación dos seus familiares súmase que algúns dos mariñeiros "probablemente tarde mucho tiempo en aparecer".
"Cometer un error es imperdonable por lo que debemos actuar con cautela", sentenciou o dirixente autonómico, de forma que se garanta o dereito á intimidade das familias e que estas poidan recibir a atención sanitaria e psicolóxica "que necesiten".
Relacionadas:
-
O pesadelo dun sobrevivente doutro naufraxio en Terranova: "En 20 minutos el barco se desplomó"
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
Un erro no reconto rebaixa a nove os falecidos "oficiais" do Villa de Pitanxo
Por Alejandro Espiño |
-
Todo apunta ás "malas condicións" do mar como causa do naufraxio do Villa de Pitanxo
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
A longa espera das familias: "Falei con el ás seis da tarde, díxome que me ía a chamar á unha e xa non se puido"
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
Loito, minutos de silencio e bandeiras a medio mastro en homenaxe ás vítimas do "Villa de Pitanxo"
Por Redacción | Creada e actualizada
-
"A gran familia que é Galicia chora polos seus fillos"
Por Oskar Viéitez |