Afectados por erros e abusos xudiciais móvense para "defender nuestros derechos" en Pontevedra
Por Natalia Puga
A Asociación Nacional de Afectados por Erros e Abusos Xudiciais recalou en Pontevedra. Acaba de crearse unha delegación do colectivo na provincia con tres delegadas autorizadas na cidade, Mourente e Marín e máis persoas vinculadas noutros municipios próximos como Bueu. As súas delegadas, Lucía Loira, Isabel Crespo e Alicerce García, empezaron a moverse para porse en contacto con persoas que se consideren vítimas da Xustiza e "defender nuestros derechos" a todos os niveis.
A asociación denuncia, entre outras circunstancias, "el impedimento que encuentran los ciudadanos pontevedreses para acceder a la asistencia jurídica gratuita" e entre as xestións máis recentes que están realizado é a procura dun local na cidade no que establecer a súa sede, pois "hasta ahora estamos poniendo la de Zaragoza del presidente".
Como exemplo pon a Isabel Crespo, unha pontevedresa que no ano 2008 saltou á palestra por encadearse ao balcón do seu piso da rúa Rosalía de Castro cando acudiron a desafiuzala. Esta semana acudiu á Fiscalía da Audiencia Provincial de Pontevedra para pedir unha cita. Quere denunciar a "indefensión" que sufriu cando os maxistrados da Sección Terceira da Audiencia "no hicieron nada para evitar" que perdese a súa casa e, para iso, solicitará que interveña o fiscal.
Denuncian "el impedimento que encuentran los ciudadanos pontevedreses para acceder a la asistencia jurídica gratuita"
Ademais, cinco anos logo daquel 'famoso' desaloxo segue con xestións ante o Colexio Provincial de Avogados de Pontevedra e a Comisión de Xustiza Gratuíta da Xunta de Galicia porque se lle negou o dereito a adxudicárselle un avogado da quenda de oficio e considera que o que levou o seu caso ao principio de todo o proceso, que actuaba en nome do seu ex marido, non defendeu realmente os seus dereitos.
Lucía Loira é outra desas supostas vítimas ás que pon de exemplo. Ela fala en nome do seu marido, que quedou parapléxico tras un accidente laboral fai 19 anos, e considérase "indefensa" tanto porque non se lle concede un avogado de oficio como porque o Servizo Galego de Saúde e outras administracións públicas "no nos presta la atención que necesita".
A parella vive en Mourente e denuncia que a pesar da situación do marido non conseguen axudas que lle permitan vivir dunha forma digna. Asegura que "la casa está en la ruinas, a veces hasta nos llueve" e que este mesmo mércores tivo que solicitar que un equipo médico acudise ao seu domicilio para facer as curas do seu marido e "quedaron sorprendidos de como podemos vivir así". Solicitaron, por exemplo, beneficiarse da Lei de Dependencia e "fuimos los segundos de Pontevedra a los que nos la concedieron, pero aún siguen valorando y no nos dan nada".
A estes dous casos e ao da veciña de Marín Pilar García, as delegadas da asociación suman "la indefensión que sufren las personas que además de no tener medios económicos no saben leer ni escribir o no saben defenderse de los abusos que desgraciadamente cometen los organismos con los ciudadanos, quedando estos en un desamparo total". Consideran que todo sería máis fácil de resolver se se garantise o dereito á tutela xudicial efectiva.