Así é o quirófano do Museo
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot
Un grupo de xornalistas tivemos este xoves a oportunidade de visitar o Taller de Conservación e Restauración do Museo de Pontevedra, conformado por un grupo de sete profesionais especializados na área. O seu traballo é similar ao que se desenvolve nun hospital.
Pola súa porta entran "pacientes" afectados por problemas tales como a humidade, a contaminación, a luz ou o paso do tempo, segundo reflicten as historias clínicas. A súa misión, deixalos como novos.
Ao igual que na mesa dun cirurxián, os técnicos do Museo enfróntanse co seu instrumental a soportes tan variados como metal, papel, pedra, pintura de cabalete, escultura, pintura mural, textiles, os cales deben permanecer en condicións de exhibición e almacenamento óptimas.
A área de laboratorio é unha zona impoluta e perfectamente equipada con microscopios, cromatógrafos, espectómetros, reflectografía de raios X, luz ultravioleta, infravermella e outros aparatos de nome irreproducible.
O taller encóntrase á mesma temperatura e niveis de humidade relativa que as salas de exposicións para que as obras se manteñan sempre a uns niveis constantes, ata o montacargas está á mesma temperatura.
Chama a atención a cámara de anoxia que nos ensina unha destas "expertas cirurxianas", Sonia Briones, que leva 22 anos dedicados de traballo no Museo. "A cámara de anoxia está destinada á desinsectación das obras de arte mediante un proceso que substitúe o osíxeno polo nitróxeno", esta máquina é de grande importancia para un centro "onde moitos bens son de material orgánico" e que se encontra nunha comunidade onde son "moi frecuentes os ataques biolóxicos".
Sobre a súa mesa de traballo encontramos varias pezas destinadas a unha exposición temporal de xoias e unha táboa do antigo retablo de Santa María.
Ao igual que Sonia, que se ocupa da madeira, o resto dos seus compañeiros están especializados nun material coma escultura pétrea ou pintura.
Neste último caso interrompemos a Ricardo Ferreiro, el é o primeiro restaurador que traballou nun museo en Galicia. Durante quince anos foi o único conservador de todo o museo de Pontevedra. Trátase polo tanto dunha autoridade na materia que se ocupa estes días dun cadro do Rafael da pintura flamenca, Michiel Coxcie. En concreto é unha pintura de gran formato de hai 430 anos e titulada como "Tributo ao César". Trátase dunha doazón da familia Pedrosa, "a do ex alcalde Juan Luis Pedrosa", coméntanos.
Pero ademais das pezas propias do museo, nas que se centra o labor do taller, tamén se tratan frecuentemente neste laboratorio aquelas que os particulares ceden para exposicións temporais.
Xunto ao taller encóntrase o almacén das obras non expostas, "os fondos reservados". O director do Museo, Carlos Valle, explicou que teñen 18.000 rexistros, "pero cada un destes números de rexistros poden incluír miles de pezas". A xeito de exemplo, referiuse a "Castelao, ás cruces de pedra, que teñen só un número de rexistro pero teñen máis de 500 debuxos orixinais".
Valle recalcou a relevancia do Museo de Pontevedra, que é o museo provincial máis grande de España. E nesta liña, gabou que "capital humano extraordinario" do que dispón o Museo e que permite a "recuperación de obras que chegan aquí nun estado nada desexable".