Avante Poio presenta unha moción para demandar unha mellora na atención bancaria
Por Redacción
A concelleira Silvia Díaz Iglesias, como portavoz do grupo municipal Avante Poio, presentou unha moción que se tratará no Pleno da Corporación Municipal deste mes para que as entidades bancarias presten unha atención axeitada ás persoas maiores e ás persoas vulnerables.
Manifesta Díaz que, cos peches de oficinas e a redución na atención presencial, unha porcentaxe moi significativa da poboación viu mermada a atención que recibe. Neste sentido, lembra que en Poio hai 3.468 persoas maiores de 65 anos, segundo datos do Instituto Galego de Estatística (IGE) de 2021.
Avante Poio manifesta que, ademais do peche de oficinas, o servizo bancario é deficiente noutras, xa que moitas entidades bancarias se negan a permitir as xestións presenciais, obrigando a acudir ao caixeiro automático ou a Internet.
Con esta redución drástica nos últimos anos da atención presencial, engaden, unha gran parte do colectivo de persoas maiores deixan de recibir a mínima atención esixible, máxime tendo en conta que moitas destas persoas non manexan as novas tecnoloxías e reciben en consecuencia unha peor atención.
Polo tanto, desde Avante Poio piden que se reforcen os recursos para ofrecer a estas persoas un servizo adecuado, en especial ás persoas que non poden acceder ás xestións en liña, así como prestar unha atención prioritaria ás persoas en situación de vulnerabilidade. Tamén, instan ás entidades bancarias que operan no Concello de Poio a non cobrar comisións ás persoas pensionistas.
Á Xunta de Galicia demándanlle que desenvolva as súas competencias en materia de consumo e que impulse, a través do Instituto Galego de Consumo e da Competencia, campañas colectivas de reclamacións bancarias, información ás persoas consumidoras e estudos propios sobre a vulneración dos dereitos dos usuarios. E ao Banco de España, organismo regulador competente do sistema financeiro, a vixiar que os produtos financeiros das entidades bancarias non conteñan publicidade que poida resultar enganosa para as persoas consumidoras vulnerables.