A finalización da reforma do Teatro Principal está prevista para antes do verán
Dez días de traballo levan as obras para a remodelación e modernización do Teatro Principal de Pontevedra. A idea inicial era facelo en xaneiro, mais tiveron que prorrogarse debido á falta de suministros. Sen embargo, o goberno municipal sinala que "están traballando a bo ritmo".
A reforma, para a cal xa se destinaron sobre 420.000 euros, ten un prazo de catro meses. Por ese motivo, agárdase a súa finalización antes do verán, segundo as declaracións do alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, que visitaba o teatro a mañá deste venres xunto á concelleira responsable de Cultura, Carmen Fouces.
Lores aproveitou a ocasión para recordar as renovacións previstas, remarcando a importancia que se lle da á accesibilidade. Para facilitar o uso das instalacións a persoas ostomizadas, reformaranse os baños, ademais de construirse outro aseo na terceira planta, todos eles con reforzos de insonorización para evitar os problemas de ruído.
Así mesmo, tamén se instalará un ascensor, xa que o edificio só contaba con escaleiras para o acceso ás plantas altas.
Por outra parte, da man da empresa Setga actualizarase toda a iluminación, substituíndo a incandescente por led, co cal vai haber un aforro do 90% en potencia e custo.
A construtora pontevedresa Acevi foi a contratada para a obra civil. A elección foi defendida polo alcalde ao afirmar que "son empresas serias e esperamos darlle unha volta ao teatro para que teña como mínimo outros 35 anos máis de vida".
Outras das actuacións planeadas son o reforzo da estrutura do edificio e a remodelación dunha sala na planta de arriba para convertila nunha sala multiusos dispoñible ante calquera necesidade.
Aínda non hai nada organizado para a inauguración pero o servizo de cultura poñerase en marcha para outorgarlle a relevancia que lle quere dar o Concello. Polo momento, as actividades son trasladadas na súa maioría ao Pazo da Cultura, como é o caso da obra Ponteatro: Othello de Voadora, programada para o 2 de abril.
Relacionadas:
-
O Teatro Principal poderá reabrir ao público en setembro, pendente aínda de rematar as obras de reforma
Por Natalia Puga |
-
A crise de Acevi obriga a reformular tres obras en Pontevedra, entre elas a do Teatro Principal
Por Alejandro Espiño |
-
Concerto do grupo de música antiga La Guirlande no Liceo Casino dentro do programa da Sociedad Filarmónica
Por Redacción |
-
Os plenos serán no Pazo Provincial ata completar a reforma do Principal
Por Alejandro Espiño |