Amigos do Camiño Portugués recoñece o apoio da Brilat á ruta xacobea
Por Natalia Puga & Mónica Patxot
Era día de festa, pero ninguén se esqueceu do seu papel. A Asociación de Amigos do Camiño Portugués a Santiago decidiu concederlle a súa insignia de ouro anual á Brilat para recoñecer o apoio que dá á ruta xacobea e invitou á imposición da distinción no Pazo Provincial a políticos, veciños e militares. Todos recoñeceron o traballo da Brigada, pero, tras render pleitesía, cada un mantivo o seu discurso. O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, criticou por enésima vez a "decisión equivocada" do Ministerio de Defensa que derivou en anos de conflito entre militares e veciños mentres o presidente provincial, Rafael Louzán, aproveitou para botar en cara ao rexedor da capital que chegou a estar en risco a permanencia da Brilat en Figueirido.
Ocorreu este mércores na sede da Deputación Provincial de Pontevedra e a pesar de que Lores e Louzán chegaron coas espadas no alto, non restaron protagonismo a quen estaba chamado a converterse no centro de atención da velada, o xeneral, José Antonio Alonso Miranda, que está a menos dunha semana de deixar o cargo e pasar á reserva.
O xeneral Alonso recibiu o recoñecemento de mans do presidente da Asociación de Amigos do Camiño Portugués, Celestino Lores, e, en nome da Brigada, transmitiulle a "honra y orgullo" que supón esta insignia, que, ademais, entregouse por primeira vez a unha institución e este ano celebra a súa 20 aniversario. Un dos argumentos para concedela foi o concuso de patrullas Tui-Santiago que organiza cada ano a Brigada e o xeneral, coñecedor da circunstancia, destacou o "prestixio" que alcanzou esta proba que "combina esfuerzo y mística".
Celestino Lores foi o primeiro en tomar a palabra e incidiu en que este recoñecemento "salda una deuda pendiente" de Amigos do Camiño coa Brilat que se remonta ao ano 1999, cando, con motivo do primeiro Ano Xacobeo multitudinario, cedeu as antigas instalacións de Parques e Talleres para que se convertese no "primer albergue" do Camiño Portugués.
Tras as loubanzas de Celestino Lores e o agradecemento do xeneral, chegou a hora da política. Lores, invitado na Deputación Provincial, pero co-presidente do acto, ve "xustificada" a medalla para a Brigada e que se entregase ao xeneral Alonso no seu nome, pois destaca a súa "colaboración" desde o seu primeiro día no cargo hai catro anos.
Deixou ben sentadas as bases da súa boa relación co máximo responsable da Brilat, pero aproveitou que fixo historia pola súa relación para recordar que chegou a Pontevedra "nun momento realmente conflitivo", pouco despois de que o Ministerio de Defensa intentase ampliar a franxa de seguridade da base Xeneral Morillo, nun paso que derivou no enfrontamento na vía xudicial entre Defensa e veciños de Salcedo e Vilaboa.
Lores recorda a conflitividade entre Defensa e a Brigada, pero destaca a súa "importancia trascendental" para Pontevedra
Agora que o conflito "innecesario" está a piques de resolverse, insistiu en que a Brilat é unha institución dunha "importancia transcendental" para Pontevedra tanto a nivel económico como social, pois "sempre que fai falta, botan unha man". Para acougar o ambiente tras un discurso crítico, pasou a un plano máis relaxado e 'rifou' ao xeneral Alonso porque agora que pasa á reserva elixiu Baiona e non Pontevedra para vivir.
Ata este punto distendido serviu a Louzán para volver á carga política. Saltouse o discurso previsto e dixo que o xeneral "elixiu ben elixindo Baiona" para comprar un piso. O presidente provincial, que se incorporou tarde ao acto, cando xa se saudaran todas as autoridades e asinado o libro de honra, tamén quixo responder a Lores sobre o seu papel no enfrontamento entre Defensa e os veciños, pois "estaba en xogo moito do que ten Pontevedra neste momento".
O resto do acto transcorreu segundo o previsto. Louzán agradeceu o papel da Brigada como "embaixadora de Pontevedra polo mundo" e a presidenta do Parlamento de Galicia, Pilar Rojo, agradeceu o seu traballo en Galicia e no estranxeiro e o seu papel para "acrecentar os vínculos entre o exército e a sociedade civil". O concerto do quinteto de metais da Banda de Guerra da Brilat pechou o recoñecemento cun toque festivo.