O Concello dará 'vía libre' ao novo edificio universitario para Deseño en Tafisa
Por Alejandro Espiño
O goberno municipal, a través do propio alcalde, mostrou este mércores a súa "satisfacción" pola creación das dúas novas facultades que se sumarán á oferta académica universitaria da cidade durante o próximo curso 2022-2023.
Son a facultade de Deseño, que acollerá o Grao en Deseño e o máster en Deseño e Dirección Creativa en Moda; e da facultade de Dirección e Xestión Pública, que reunirá o Grao en Dirección e Xestión Pública e o máster en Dirección Pública e Liderado Institucional.
Estas dúas facultades, unha de nova creación -Deseño- e outra que se disgrega de Ciencias Sociais -Dirección e Xestión Pública-, permitirá á cidade "incrementar o número de alumnos universitarios", segundo celebrou Miguel Anxo Fernández Lores.
A intención da Universidade de Vigo é que Deseño, que por agora terá a súa sede no edificio administrativo da Xunta en Benito Corbal, acabe tendo o seu propio edificio. Sería na parcela de Tafisa que, en principio, estaba reservada para a nova sede de Belas Artes.
Así figuraba no convenio asinado co Concello que, á súa vez, recuperaría o uso do antigo cuartel de San Fernando, con vistas a reunir nel todas as dependencias municipais.
Pero "o problema de fondo", segundo Fernández Lores, é que este traslado de Belas Artes, polo menos por agora, está descartado pola universidade, que non está disposta a investir tanto diñeiro -estimábanse uns 25 millóns de euros- nesta operación.
Así, a nova petición da institución educativa é que esa parcela poida acoller un edificio moito máis modesto e destinalo á nova facultade de Deseño, o que obrigaría a cambiar o convenio co Concello de Pontevedra.
A este respecto, o alcalde asegurou que "teremos que encaixar iso", pero avanzou que o goberno municipal autorizará á Universidade de Vigo a "facer a obra para resolver os problemas de espazo" que teñen Deseño e o máster de moda.
O Concello "por agora" descarta tamén a posibilidade de recuperar San Fernando e, por tanto, permitirá a modificación do convenio para posibilitar a construción da nova sede universitaria que terá unha edificabilidade menor da prevista.
"Por nós non vai a haber inconveniente", engadiu o rexedor pontevedrés, que apuntou que nestes momentos o propio Concello non ten problemas de espazo e impulsa a rehabilitación da antiga casa do concello da Praza de España.
Relacionadas:
-
Avances entre Concello e Universidade para a construción do skatepark, o edificio de Moda e a desafectación dos terreos do campus
Por Redacción |
-
O novo edificio universitario será unha "construción modular" que se poderá ampliar se chegan máis titulacións
Por Alejandro Espiño |
-
O novo grao de Deseño ofertará 45 prazas no seu primeiro ano
Por Alejandro Espiño |
-
O acceso a Ciencias da Actividade Física e do Deporte seguirá sen probas físicas
Por Redacción |
-
Metrovacesa construirá 166 vivendas máis na parcela da antiga Tafisa
Por Alejandro Espiño |
-
Luz verde á creación en Pontevedra das novas facultades de Deseño e de Dirección e Xestión Pública
Por Alejandro Espiño |