A central de reservas para visitar as Illas Atlánticas actívase con vistas á Semana Santa
Por Redacción
A central de reservas do parque nacional marítimo terrestre das Illas Atlánticas de Galicia xa está operativa para tramitar de forma telemática e gratuíta as autorizacións de acceso necesarias para visitar este espazo natural durante a vindeira Semana Santa, un dos períodos, xunto co verán, nos que está autorizado o transporte regular aos arquipélagos de Cíes e de Ons.
A través desta plataforma dixital, habilitada pola Xunta de Galicia en 2018, as persoas interesadas en achegarse ás illas entre o venres 8 de abril e o domingo 17 de abril deberán tramitar previamente a súa autorización, de carácter persoal e intransferible e dotada de códigos de control QR. Un requisito imprescindible para poder viaxar ao parque nacional.
Os visitantes terán a posibilidade de reservar de forma telemática ata 25 prazas por solicitude, cubrindo os datos persoais de cada viaxeiro de forma individual. Unha vez que se dispoña da correspondente preautorización, os solicitantes terán unha marxe de dúas horas para comprar o seu billete con calquera das navieiras autorizadas a prestar o servizo de transporte regular ás illas durante a Semana Santa.
Neste sentido, tal e como se indica na propia central de reservas, para acceder ao Parque Nacional é imprescindible adquirir un billete de barco, cuxo custo correrá, en todo caso, por conta do visitante. Será nese momento cando a autorización de acceso outorgada pola Xunta quede confirmada e se lle remitirá por email ao solicitante, que tamén poderá descargala desde a propia páxina web.
Cómpre lembrar que desde que na Semana Santa do ano 2018 a Xunta implantou por primeira vez o sistema de acceso regulado só para as Illas Cíes, a central de reservas funcionou de forma continuada e sen incidencias, ao tempo que se foron introducindo melloras, novas funcionalidades e se estendeu ao ano seguinte ao arquipélago de Ons. Catro anos despois, o sistema vixente durante a Semana Santa e o período estival —nos que o número máximo de visitantes en transporte regular está fixado en 1.800 persoas no caso de Cíes y en 1.300 en Ons— está xa totalmente consolidado.
Relacionadas:
-
As Corbaceiras súmase un verán máis aos portos con saída para viaxar á illa de Ons
Por Redacción |
-
Máis de 3.000 persoas xa reservaron para viaxar ao Parque Nacional das Illas Atlánticas durante Semana Santa
Por Redacción |
-
Dous xacementos en Ons permiten estudar as relacións comerciais na antigüidade
Por Redacción |
-
Recollen firmas para que se prohíba fumar en Ons, Cíes, Cortegada e Sálvora
Por Alejandro Espiño |
-
Volven denunciar a dous mergulladores por pesca submarina con fusil en Ons
Por Redacción |
-
Ons recibiu a 80.000 visitantes este verán
Por Redacción |