SEO BirdLife critica o Concello de Poio por habilitar unha praia canina na Seca sen respectar o espazo de aniñamento de aves
Por Oskar Viéitez
Creada e actualizada
Creada e actualizada
O coordinador de SEo BirdLife en Pontevedra, Gustavo Ferreiro, criticou ao Concello de Poio por habilitar unha praia canina no litoral da Seca unha decisión "incompatible" coa "necesaria" preservación deste espazo de aniñamento invernal de aves.
Nunha rolda de prensa na Deputación de Pontevedra, este portavoz do SEO BirdLife pediu ao goberno local de Poio que se reformule a medida.
Gustavo Ferreiro admitiu que o colectivo ambientalista pensou en retirar a Poio dos roteiros de avistamento ornitolóxico que organiza a agrupación xunto á Deputación de Pontevedra.
O espazo habilitado para cans polo Concello de Poio é unha praia pequena, pero cunha superficie suficiente como para permitir o esparexemento das mascotas, especialmente cando hai marea baixa.
Ademais, o areal está situado nas proximidades do Parque da Memoria e o casco histórico de Combarro e conta con bos accesos e prazas para o estacionamento de vehículos.
Con respecto ás normas para os usuarios, ademais de controlar os cans en todo momento, hai que portar a documentación do animal e as mascotas non poden entrar máis de 100 metros na costa, aínda que estea a marea baixa, para non interferir nos bancos marisqueiros.
Os cans considerados potencialmente perigosos deben ter a boza posta en todo momento e é obrigatorio recoller os excrementos e deposicións dos animais ou, do contrario, os usuarios expoñeranse a unha multa.
RESPOSTA DO CONCELLO DE POIO
Desde a Concellería de Medio Ambiente do Concello de Poio aseguran que este espazo na Seca habilitouse cumprindo con todos os requisitos e informes pertinentes. O goberno local destaca tamén "o uso cívico e correcto que realizan os usuarios e usuarias dun areal que se atopa nun bo estado de conservación, grazas aos labores que se levan a cabo de xeito totalmente respetuoso coa contorna".
O Concello recoñece que é consciente da importancia do traballo que desenvolve SeoBirdlife e ábrese a manter unha reunión para intercambiar achegas, posto que "o medio ambiente é un dos piares da nosa folla de ruta na xestión municipal".