A plataforma anticrematorios solicitará a Funespaña o traslado do seu proxecto en San Amaro
Por Redacción
A recentemente constituída plataforma veciñal contra os crematorios urbanos dá os seus primeiros pasos. Tras a elección da súa nova directiva, que estará presidida por José Luís Calvo Portela, decidiu encamiñar as súas accións iniciais a lograr que Funespaña, a única empresa que coa planeada modificación do PGOU podería seguir adiante co seu crematorio, opte por afastar as súas instalacións de San Amaro.
Segundo informan nun comunicado os responsables desta plataforma, constituída por veciños de San Amaro e A Parda, o seu principal obxectivo será "impedir" a instalación de dous crematorios na zona este de Pontevedra, o de Funespaña á beira do cemiterio de San Amaro e outro en forma de concesión do Concello de Pontevedra, dentro do camposanto ou calquera outro que se propoña o goberno municipal.
Neste sentido, os veciños insisten na necesidade "por lóxicas razóns ambientais e os efectos negativos sobre a poboación destas construcións", de manter unha distancia mínima de 500 metros con respecto ás vivendas e non os 50 metros que recolle a solución exposta polo goberno local, cualificada de "senrazón" polos membros da plataforma.
Por iso é polo que soliciten unha entrevista cos responsables da empresa Funespaña para intentar convencerlles de desistir do seu proxecto, un encontro que, segundo a plataforma, producirase no prazo máximo de dous meses. Ademais, solicitarán unha entrevista, entre otros, co presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, para explicarlle a súa problemática.
Para comezar a súa actividade, membros da directiva desta plataforma veciñal estarán todos os luns, ás 21.00 horas, no Centro Social Leste situado enfronte do Colexio Sagrado Corazón, para realizar reunións que sirvan como punto de debate e información para os veciños e para todo cidadán de Pontevedra que se unha a esta causa, así como para recadar fondos para a plataforma, cunha achega mínima de 10 euros.
Relacionadas:
-
Tensa xuntanza entre Antón Louro e a plataforma contra os crematorios en San Amaro
Por Redacción |
-
A Plataforma "NON Crematorios" inicia co PP as entrevistas políticas para frear o proxecto da Parda
Por Redacción |
-
A Plataforma 'Crematorios Urbanos NON' expresa o seu malestar con Louro
Por Oskar Viéitez |