Pontevedra non solicitou fondos Next Generation en materia de mobilidade sostible
Por Alejandro Espiño
Pontevedra é a única capital española que non solicitou os fondos europeos Next Generation en materia de mobilidade sostible. Así o denuncia o PP, que asegura que de concorrer a esa convocatoria, a cidade podería recibir máis de 6 millóns.
O edil Pablo Fernández lamentou esta "oportunidade perdida" de Pontevedra, que non puido presentarse por non ter aprobado o seu plan de mobilidade urbana sostible (PMUS), que era un documento "indispensable" para optar a estas axudas.
"Solicitámolo en varias ocasións", sinalou Fernández, que sinalou que estas axudas permitirían afrontar actuacións de mobilidade sostible como sendas peonís e ciclistas, transporte público, peonalizacións ou aparcamentos disuasorios.
Así, Fernández detallou que Vigo pediu 22 millóns e A Coruña outros 15, mentres que Pontevedra con eses 6 millóns "podería levar a cabo" reformas en barrios e parroquias, humanizacións "e mesmo comprar dous conventos de Santa Clara".
Ante esta situación, o PP esixiu "explicacións" ao alcalde, ao que lle piden que "depure responsabilidades" por non presentar proxectos a esta liña de axudas europeas.
A este respecto, o propio Miguel Anxo Fernández Lores lamentou que os populares "descoñezan a lei" e avanzou que haberá novas convocatorias destas mesmas axudas ás que Pontevedra si se presentará con proxectos que xa están a se elaborar.
Ademais, lembrou que elaborar ese PMUS sen o último cambio normativo aprobado polo Goberno suporía a implantación dunha peaxe por circular pola cidade ou prohibir o acceso a coches sen etiqueta ECO.
"Se iso é o que queren, que o digan claramente", afirmou Fernández Lores, que volveu a lamentar que o PP "está en contra do modelo urbano de Pontevedra".
Relacionadas:
-
Estudan a ampliación do estacionamento para bicis ao contar cuns datos "óptimos" sobre o seu uso
Por Redacción |
-
O PP pide que Lores se desculpe por "perder" os fondos de recuperación Next Generation
Por Raquel Currás Martínez |
-
Instalan unha rampla para facilitar o acceso á Igrexa do Convento de Santa Clara
Por Redacción |
-
Toda a "cidade compacta" será zona de baixas emisións antes de 2023
Por Alejandro Espiño |