O pleno provincial súmase ao pesar pola falecemento da ex-alcaldesa do Porriño
Por Mónica Patxot & Redacción
O pleno ordinario de xaneiro comezou coa intervención da presidenta da Deputación, Carmela Silva, manifestando o seu pesar, ao que se sumou a oposición, polo falecemento da ex alcaldesa do Porriño, Eva García de la Torre. A presidenta provincial enviou un forte abrazo á familia da primeira muller alcaldesa deste municipio e expresou que era un "golpe moi duro".
A continuación, Carmela Silva abandonaba a sesión para trasladarse ao tanatorio. A presidencia plenaria pasou a mans do vicepresidente César Mosquera. Aprobábase dentro da orde do día a adhesión da institución provincial á Rede de Cidades Saudables, que promove o Ministerio para a Transición Ecolóxica e tamén a Federación Española de Municipios e Provincias. Segundo explicaba o portavoz socialista Carlos López Font, este acordo permite acceder a axudas por un importe global de 18 millóns de euros durante o próximos tres anos. Estas axudas van dirixidas á creación de carrís bici e a instalación de infraestruturas para realizar actividades físicas ao aire libre, entre outras.
O principal debate da sesión chegou coa moción do Partido Popular defendida polo seu portavoz Jorge Cubela, que solicitaba un plan provincial para a recuperación dos xacementos arqueolóxicos galaico-romanos no caso de que o Ministerio de Fomento decida suspender as seguintes fases do convenio que se asinaba a principios de 2015 para poñer en valor estes elementos patrimoniais na provincia.
Cubela explicou que, se ese proxecto carece de continuidade, moitos castros quedarán afectados e denunciou o atraso que se acumula na recuperación dalgúns dos poboados fortificados. Instou o goberno da Deputación a reclamar e defender os investimentos con este obxectivo.
Carlos López Font mostrou a súa incredulidade pola proposta e remitiuse a que o convenio fora asinado no mandato de Rafael Louzán e carecía de asignacións orzamentarias, planificación e calendario. Defendeu a xestión do goberno actual ao aprobar dúas prórrogas do protocolo e lembrou que a Xunta de Galicia é a responsable da recuperación dos xacementos, segundo recolle o Estatuto Autonómico. Indicou que, na primeira fase do protocol,o foron recuperados os castros de Alobre en Vilagarcía; Toiriz en Silleda; e a Subidá en Marín. A continuación, anunciou que se atopan en marcha outros once proxectos de musealización atendendo ás directrices da Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta de Galicia.
Cubela respondeu que se trataba dunha moción "transparente" sen carga política e que respondía á preocupación por se o Ministerio de Fomento ía cumprir ou non co protocolo. Antes da votación do punto, César Mosquera, mostrou tamén a súa sorpresa pola moción cualificándoa como "preventiva" e preguntouse se era unha "moción por se acaso". Finalmente foi desestimada con quince votos en contra do PSOE e do BNG fronte aos 10 do Partido Popular.