O CEIP Daría González no Príncipe Felipe será reformado cun investimento total de 1,8 millóns de euros
Por Redacción
Este venres, a Xunta de Goberno da Deputación aprobaba unha nova actuación para mellorar o CEIP Daría González que se atopa no Centro Príncipe Felipe. Trátase dun proxecto para executar obras de reforzo estrutural da fachada e cambiar as carpinterías no colexio.
O orzamento de licitación ascende a 1,5 millóns de euros. Estes traballos, segundo manifestou a presidenta da Deputación, Carmela Silva, sumaranse a un segundo proxecto que se acometerá para renovar a cuberta, cun investimento de 300.000 euros.
Carmela Silva indicou que estas reformas permitirán deixar o edificio educativo en perfectas condicións atendendo a criterios de eficiencia enerxética, illamento térmico e adecuación para os escolares que asisten a este centro educativo.
O centro presenta deficiencias nas fachadas e na carpintería exterior de portas e xanelas. As obras, segundo a Deputación, permitirán mellorar o envolvente térmico do edificio para mellorar a eficiencia enerxética.
As obras na cuberta realizaranse tanto na planta baixa, na antiga vivenda de conserxería, no sueste do inmoble e na planta segunda. Cambiarase o material de cubrición, as baixantes e redes pluviais, entre outros elementos.
A presidenta provincial quixo lembrar que este centro de educación pública depende da Xunta de Galicia, pero as obras son realizadas pola Deputación, que só cede o espazo, porque o edificio non se atopaba en boas condicións.
Silva manifestou que espera que, a partir desta renovación, se poida cambiar o "mal convenio" asinado durante o mandato de Rafael Louzán. Pediu que, no futuro, sexa a Xunta de Galicia quen se encargue do mantemento e conservación e das obras deste centro no futuro.
Relacionadas:
-
325.000 euros para cambiar as escaleiras de emerxencias no Centro Escola Fogar do Príncipe Felipe
Por Redacción |
-
A Deputación remite a Feijóo unha carta con todos os investimentos provinciais realizados nos últimos 6 anos na cidade de Pontevedra
Por Redacción |
-
Adxudicado o contrato para as obras de mantemento nos 22 colexios de Pontevedra
Por Redacción |
-
Máis dun millón de euros investirá a Deputación na reforma do CEIP Daría González no Príncipe Felipe
Por Anxo Lourido |
-
Escultura para homenaxear a figura da mestra Daría González
Por Redacción |