575.000 euros para crear un centro de recepción de visitantes no Castelo de Soutomaior
Por Redacción
Carmela Silva, presidenta da Deputación de Pontevedra, anunciaba este venres que a institución provincial investirá 575.000 euros para crear un centro de recepción de visitantes no Castelo de Soutomaior.
Este novo elemento permitirá que se estableza unha tenda de venda de material e produtos da comarca; un espazo con información da historia do Castelo de Soutomaior; ademais de aseos e zona de descanso para as persoas que acudan ata a "xoia da coroa" da provincia, segundo indicou Silva, ao anunciar o proceso para construír este espazo.
Ademais, o proxecto permitirá crear unha entrada con accesibilidade universal e permitirá reordenar a zona de aparcamento deixando espazo para autobuses e outros vehículos.
XORNADA SOBRE RETOS CULTURAIS
Precisamente, o Castelo de Soutomaior será o escenario onde se celebrará o vindeiro xoves 10 de febreiro unha xornada de análise dos retos do sector cultural na etapa poscovid, organizada pola Asociación galega de Profesionais da Xestión Cultural en colaboración coa Deputación de Pontevedra.
A secretaria da asociación organizadora Clara Cordeiro, que convidou a aprender das situacións de crises a través deste punto de encontro de profesionais culturais, que comezará cun relatorio inaugural a cargo de Benito Burgos, xestor cultural e conservador de museos do. Ministerio de Cultura e Deporte.
A continuación desenvolveranse dúas mesas redondas sobre o futuro da cultura, abordada desde un punto de vista máis sostible, feminista, ruralista e participativo. Entre os participantes atópanse Jorge Liñeira, xestor cultural en Pontevedra; Paula Cabaleiro, directora cultural da Deputación ou Marta Núñez, xestora cultural no Concello de Vigo.
Para participar é necesario inscribirse a través das páxinas web da Deputación de Pontevedra ou da Asociación de Profesionais da Xestión Cultural.