O río Rons baixa branco á altura da ponte Malvar
Por Anxo Lourido
Creada e actualizada
Creada e actualizada
Veciños do lugar de Tilve na parroquia pontevedresa de Cerponzóns mostrábanse sorprendidos ao redor das 15.00 horas deste xoves cando ao camiñar polas proximidades da ponte Malvar comprobaban a cor leitosa que ofrecía o río Rons ao seu paso pola zona.
Preocupados polo dano que esta vertedura de cor branca poida causar nas augas do afluente do Lérez, os veciños alertaron á Policía Local de Pontevedra para que se trasladase ata a zona e levantase acta do estado en que baixaba a corrente.
Unha dotación da Policía Local achegábase ata a zona. Os veciños pediron unha investigación para detectar a procedencia desta vertedura ao entender que pode afectar á fauna e danar o leito do río Ron, que nace no Pontillón do Castro e desemboca nas marismas da Xunqueira de Alba.
Dende o Concello de Pontevedra sinalaron que o servizo municipal do Ciclo da auga localizou durante a tarde estas verteduras nas canles dos ríos Rons e Gafos. Tanto nun caso como no outro, o servizo estivo traballando na localización da orixe deste líquido para informar a Augas de Galicia.