O Pleno do Consultivo desestima realizar declaracións públicas sobre o informe dos terreos de ENCE
Por Oskar Viéitez
O Pleno do Consello Consultivo de Galicia, en sesión celebrada este mércores, acordou trasladarlle á opinión pública que este organismo, como supremo órgano de consulta e asesoramento xurídico da Xunta e das administracións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia, "só se pronuncia a través dos seus ditames e informes", por tanto, "sonlle alleos calquera debates públicos que susciten tales ditames ou informes".
Ao Consello Consultivo foille encomendada pola Xunta de Galicia a elaboración dun informe sobre a posibilidade de adscribir terreos de dominio público marítimo terrestre, actualmente ocupados por instalacións da pasteira ENCE, ao Porto de Marín.
O informe foi emitido con data 20 de outubro de 2021, suscitando un amplo debate social e político. No ámbito deste debate, a Asociación pola Defensa da Ría expresou a súa pretensión de que o Consello Consultivo realizase declaracións públicas en relación con opinións ou interpretacións manifestadas sobre o citado informe.
A este respecto, o Pleno do Consello Consultivo quere aclarar que os seus integrantes "teñen prohibido por lei realizar declaracións ou manifestacións públicas en relación cos asuntos que coñecesen", por razón do seu cargo.
O Consello Consultivo asegura que "actúa con absoluta independencia e os seus cinco compoñentes", elixidos polo Parlamento de Galicia e polo presidente da Xunta, "non están sometidos a mandato imperativo algún".
Relacionadas:
-
Galicia en Común acusa no Congreso á Xunta de tramitar licenzas de obra a Ence malia as sentenzas que anulan a prórroga
Por Mónica Patxot & Redacción |
-
A APDR pide a dimisión do presidente do Consello Consultivo se non "desminte" a "manipulación" do informe sobre os terreos de ENCE
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
Rueda non ve "xusto" que o Goberno "abandone" a idea de manter ENCE en Pontevedra
Por Oskar Viéitez |