Unha única empresa interésase por xestionar o servizo de socorrismo nas praias de Sanxenxo
Por Redacción
A empresa Salvar, Formar y Socorrer, especializada na xestión de seguridade en praias, será a que se encargue de xestionar o servizo de salvamento e socorrismo nos areais de Sanxenxo durante os dous próximos anos.
A súa foi a única oferta presentada ao concurso convocado por Turismo de Sanxenxo, que saíu a licitación por 1,3 millóns de euros por dous anos, ampliables a dous máis.
Os técnicos municipais revisarán agora a memoria presentada pola empresa e, nos próximos días, procederase a coñecer a oferta económica, previo á adxudicación definitiva.
Para vixiar as dezasete praias con bandeira azul do municipio, a empresa deberá contratar a un total de 46 socorristas.
O novo prego inclúe a anticipación do servizo, como todos os anos, en Areas, Silgar, Canelas e Montalvo, que contarán con socorristas desde o 15 de xuño ao 15 de setembro.
Nos trece areais restantes con bandeira azul o servizo estará operativo desde o 1 de xullo ao 31 de agosto en horario de 12 a 20 horas.
En canto ao equipamento, ás embarcacións e motos náuticas habituais, o servizo reforzarase cunha moto para as tarefas regulares de inspección, supervisión e control dos areais e cun vehículo de intervención para o traslado de persoal nunha emerxencia.
A dotación de material contempla, como mínimo, por cada módulo, un desfibrilador, un equipo de férulas semirríxidas, balón ou botella de osíxeno medicinal, mochila de primeiros auxilios, balón autoinflable ou ventilador manual, máscaras de baixo e alto fluxo, collarín cervical, tensiómetro, termómetro, mantas térmicas e diferentes apósitos para curas ou golpes.
Nas praias de Panadeira, Silgar, Baltar, Caneliñas e Canelas deberán contar cunha cadeira anfibia para o baño de persoas con problemas de mobilidade, así como muletas anfibias.
Ademais, coa entrada en vigor da primeira ordenanza de praias en Sanxenxo, a adxudicataria deberá realizar campañas de concienciación e coidado dos espazos naturais.
Relacionadas:
-
Sanxenxo seguirá limpando os aseos das súas praias cada noventa minutos
Por Redacción |
-
Os socorristas aumentarán o seu horario en Silgar durante os meses de xullo e agosto
Por Redacción |
-
Sanxenxo contratará por uns 50.000 euros o acondicionamento de 23 praias
Por Redacción |
-
Sae a concurso o servizo de socorrismo en praias de Sanxenxo por 1,3 millóns
Por Redacción |
-
Novo intento de Sanxenxo para externalizar o salvamento e socorrismo nas praias
Por Redacción |