Seis voluntarios da Rede Nacional de Radio de Emerxencias reciben un diploma honorífico
Por Mónica Patxot & Redacción
A Rede Radio de Emerxencia (REMER) é unha organización complementario da Rede de Mando da Dirección Xeral de Protección Civil e Emerxencias do Ministerio do Interior. Na provincia dependen da Subdelegación do Goberno e a súa misión fundamental consiste en trasladar a Protección Civil unha rede de comunicacións que asegure as transmisións entre os servizos implicados nos sinistros e proporcionar información ampla sobre as circunstancias nas que se producen. En numerosas ocasións son a única vía eficaz de comunicación ante calquera fallo doutros sistemas.
Seis persoas voluntarias que realizaron este servizo durante preto de trinta anos recibían este mércores na Subdelegación do Goberno unha homenaxe presidida pola subdelegada Maica Larriba. No acto recoñecíase a dedicación e o traballo desinteresado de Ismael Rodríguez (Ponte Caldelas) e Eladio López (Pontevedra) durante vinte anos; de Luís Caldas (Vilagarcía de Arousa) e Víctor Otero (O Grove) ao longo dun cuarto de século. Ademais do labor de Emilio Barreiro, que por motivos de saúde non puido acudir ao acto e que tamén dedicou 25 anos a estas actuacións. A subdelegada tamén lembrou a figura de Antonio Núñez, recentemente falecido, que formou parte desta rede durante dúas décadas e media.
Larriba afirmou que as distincións outorgadas "non son unha simple acreditación dos anos de dedicación, senón o recoñecemento ao compromiso co servizo á cidadanía dunha maneira desinteresada". Ao acto tamén acudía a xefa da Unidade de Protección Civil en Pontevedra, Natalia do Caño, e o coordinador da REMER na provincia, Javier Amaro.
Na provincia a rede divídese en cinco espazos de traballo con máis de cincuenta colaboradores repartidos entre Pontevedra-O Morrazo; Caldas-Salnés; Deza-Tabeirós; Vigo-Baixo Miño; e Condado-Paradanta.