Talento, investigación e perspectiva de xénero na entrega dos premios Sofía Novoa
Por Redacción
A música da que foi referente e que tanto defendeu Sofía Novoa polo seu valor transversal na educación, envolveu esta tarde a sala Rosalía de Castro da sede da Deputación en Vigo no acto de entrega dos galardóns que levan o seu nome e que premian a integración da perspectiva de xénero nos traballos de Fin de Grao e Fin de Máster da Universidade de Vigo.
Na sexta edición destes premios as protagonistas foron cinco estudantes, Nuria Ferreiro, Carla Souto, Marta Caldas, Tania Souto e Andrea Pérez, que recolleron de mans da presidenta Carmela Silva este recoñecemento “a un traballo inspirador e enriquecedor, que nos amosa que é posible e necesaria esa mirada feminina en todas as facetas da vida, pero de xeito especial na investigación académica, para poder seguir a avanzar na nosa loita pola igualdade”.
Conducido pola xornalista María Díaz, o acto contou coa actuación ao piano da artista Andrea García.
No que respecta aos Traballos Fin de Grao, con dous premios de 1.000 euros, as galardoadas foron Nuria Ferreiro (Ponte Caldelas) por “Convite ao avecer”, un traballo de investigación e creación que se vertebra a través da vinculación ao territorio, do agarimo á cultura popular e dos vencellos persoais. Carla Souto (Caldas) foi premiada por “A perspectiva de xénero nas aulas de educación primaria cun enfoque baseado en proxectos”, traballo no que deseña proxectos que fan visibles as contribucións femininas coas que o alumnado reflexiona sobre as interpretacións deformadas de sucesos do pasado.
Nos Traballos Fin de Máster, coa dotación de 1.000 euros, foron galardoadas Marta Caldas (Pontevedra), con “A paridade na representación política da muller nos concellos clasificados como zonas pouco poboadas da provincia de Pontevedra”, e Tania Souto (Vigo) por “As Sensombreiro: voces silenciadas da Xeración do 27”.
Nesta mesma categoría Andrea Pérez (Cambados) recibiu un accésit de 600€ polo estudo “Traballar a publicidade nas aulas con perspectiva de xénero”, no que fai fincapé no feito de como a publicidade incide na sociedade e reproduce estereotipos de xénero. O traballo céntrase nas nenas e nos nenos, quen reciben esta publicidade sexista que inflúe de xeito directo no seu proceso de socialización.
Relacionadas:
-
Os Premios Sofía Novoa recoñecen o compromiso coa igualdade de dúas universitarias de Pontevedra e unha de Bueu
Por Redacción |
-
Traballos de fin de grao e máster volven optar aos Premios Sofía Novoa
Por Redacción |
-
Catro egresadas do campus pontevedrés reciben os Premios Sofía Novoa
Por Redacción |
-
Cinco universitarias da provincia, galardoadas cos premios Sofía Novoa por integrar a perspectiva de xénero
Por Redacción |
-
Ata o 15 de outubro permanece aberto o prazo para presentar traballos académicos aos Premios Sofía Novoa
Por Redacción |