A recuperación de Lameiriña e Caneliñas, en Raxó, estará rematada antes do verán
Por Redacción
Operarios da empresa COVSA traballan desde este martes nas obras de recuperación da contorna dos lugares de Lameiriña e Caneliñas, na parroquia de Raxó.
Os traballos acometeranse ao longo dunha extensión que supera o medio quilómetro e inclúe tamén un dos ramais que enlaza Lameiriña coa Avenida da Toxa, na estrada PO-308.
Apóstase pola completa renovación do firme, que pasará a ser de empedrado, o que garante unha maior duración no tempo e facilidades á hora de acometer, en caso de que sexan necesarias, reparacións puntuais, e un reforzo no respecto e adaptación á contorna.
A rúa terá unha plataforma única, en favor dunha maior seguridade viaria, e contará con todos os requisitos para facilitar a mobilidade.
O proxecto contempla a dotación de ata dez novas bocas de rego, para facilitar labores dos servizos de emerxencias en caso de necesidade, e a renovación de servizos básicos como abastecemento.
Para garantir a seguridade e un eficaz desenvolvemento dos labores dos operarios, será necesario cortar o tráfico ao longo da rúa mentres se desenvolvan estes traballos. Só se permitirá o acceso de vehículos a persoas residentes.
O goberno municipal confía en que a actuación estea rematada antes do vindeiro verán.
Este proxecto, subvencionado a través do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra, conta cun orzamento que ascende a máis de 365.000 euros, e serve para impulsar unha importante transformación deste núcleo.
A actuación foi modificada e ampliada con respecto á inicial, que non se levou a cabo seu día polo cese repentino de actividade por parte da anterior adxudicataria, Nexia Infraestructuras.