Marín adxudica por 14.000 euros a restauración dos portais de acceso ao seu mercado de abastos
Por Redacción
A empresa Urkira será a encargada de restaurar os portais principais de acceso á Praza de Abastos de Marín, que son elementos de especial interese patrimonial e que forman parte dun dos edificios máis emblemáticos e antigos do casco urbano da vila.
Actuarase nas dúas portas de cerraxería monumentais que dan acceso nas fachadas leste e oeste, desde as rúas Serafín Tubío e Exército e Marina. Tal e como se pode ler na memoria do proxecto, “trátase de dúas portas idénticas, que ademais presentan un estado de conservación similar”.
No que respecta ás carpintarías, atópanse nun estado deficiente, presentando problemas de oxidación. Tamén a pintura de revestimento está en mal estado, con elementos parcialmente soltos.
Para poder tratar todas estas cuestións, realizarase unha tarea previa de recuperación dos elementos dañados e repasarase a soldadura daqueles elementos que presenten corrosión ou risco de rotura durante a desmontaxe e o transporte. Asemade, substituiranse as bisagras actuais, xa que debido ao elevado peso que soportan sofren constantes roturas, que dificultan a apertura.
Despois, os portais desmontarase por completo e levaranse a un obradoiro especializado, para realizar unha limpeza mecánica mediante chorreo en seco e aplicar dúas capas de imprimación e un acabado de pintura de cor idéntica á actual.
En total, investiranse case 14.000 euros nesta restauración.