A Deputación estrea web "máis sinxela, intuitiva e accesible"
Por Mónica Patxot & María José Pita
A Deputación de Pontevedra presentaba este martes 25 a súa nova páxina web. Este portal institucional é unha reestruturación integral da anterior páxina, da que se mantén a dirección de acceso: https://www.depo.gal/.
"A web é a ventá que abrimos á cidadanía, baseada en transparencia e boas prácticas públicas, para que se poña en contacto connosco de xeito áxil e accesible. Con ela a xente pode coñecer o que facemos, que a xente saiba a que dedicamos os recursos públicos", manifestaba a presidenta Carmela Silva no acto de presentación no Salón de Plenos do Pazo Provincial.
Engadía Silva que a navegación será "máis sinxela, intuitiva e accesible", ao tempo que sinalaba que na web se poderá tanto consultar todo o contido e información como realizar trámites xa que "o obxectivo foi dar un mellor servizo á cidadanía, concellos e empresas".
A presidenta puntualizaba que esta nova web encádrase na "estratexia de transparencia e servizo público" que ademais tiña que dar resposta ao récord de visitas e consultas que a páxina da Deputación rexistrou no último ano con 409.000 usuarios, 2,4 millóns de páxinas vistas e 1,7 millóns de páxinas únicas.
A nova web está creada polo persoal de Comunicación e Novas Tecnoloxías do organismo provincial. Arturo Rey, auxiliar de Novas Tecnoloxías da Deputación, explicaba que o deseño integral abrangue tanto a parte estética como a estrutura da páxina, para o que partiron de cero.
Esta transformación facíase necesaria porque "a maneira de consumir tecnoloxía mudou" e ademais o Goberno provincial xera moito contido que se difunde dun xeito inmediato e con gran peso dos arquivos multimedia. Por isto a navegación será máis rápida e adaptada a todo tipo de dispositivos móbiles. Un reto ao que se suma que a web da Deputación rexistra un movemento de máis de 5.000 visitas diarias, tanto para consulta como para a realización de trámites.
ESTRUTURA DA WEB
A portada ten accesos directos aos apartados máis consultados, Boletín Oficial da Provincia (BOPPO), redes sociais, noticias, os grandes eixos de actuación e axendas.
A web está estruturada en 5 grandes áreas: actualidade, Deputación, provincia, transparencia e temas. A través deste último apartado pódese acceder ás diferentes áreas de traballo do organismo provincial: Cohesión social, Cooperación Transfronteriza, Cultura, Deportes, Emprego e Desenvolvemento Económico, Formación, Igualdade, Infraestruturas e Mobilidade, Lingua, Medio natural, Memoria histórica, Turismo e Xuventude.