FTSP-USO denuncia irregularidades na vixilancia do centro de menores Avelino Montero
Por Redacción
A Federación de Traballadores de Seguridade Privada da Unión Sindical Obreira (FTSP-USO) presentou unha denuncia ante a Delegación do Goberno en Galicia para alertar de que a empresa Mersant Vixilancia, adxudicataria deste servizo de seguridade no Centro de Reeducación especial Avelino Montero de Pontevedra, está a incumprir o contrato.
Sinalan que a empresa deixa numerosos descubertos na vixilancia do centro. O sindicato expón que en varias ocasións só a metade do persoal adscrito realiza a quenda de traballo establecido. Desta forma, segundo o escrito enviado á Delegación do Goberno, afirman que durante os horarios regulados por contrato coa administración non se atopan todos os efectivos de seguridade realizando o servizo como sería preciso.
Esta empresa, segundo Iván Blanco, secretario de organización de FTSP-USO, está a incumprir o contrato asinado coa Consellería de Política Social e ademais vulnera a Lei de Seguridade Privada.
Dáse a circunstancia de que Mersant atravesa unha situación laboral complicada con falta de pagamentos de salario a traballadores en toda España, entre os que se atopa o persoal que realiza as súas funcións de seguridade no Avelino Montero.
O sindicato afirma que a débeda empresarial de Mersant rolda os 3 millóns de euros coa Facenda Pública e tampouco está ao corrente das súas obrigacións coa Seguridade Social, segundo sinalan no escrito. Ante esta situación, demandan á Delegación de Educación que adopte as medidas oportunas para que se regularice a realización do servizo no centro pontevedrés.
Relacionadas:
-
Temen a privatización do Centro de Menores Avelino Montero ao non cubrir catro prazas de educadores
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
Nova protesta contra o impago de Mersant aos vixilantes de seguridade do Centro Avelino Montero
Por Redacción |
-
Alertan da falta de seguridade no Centro Avelino Montero polos problemas laborais da empresa de vixilancia
Por Mónica Patxot & Redacción |