Case medio millón de euros para darlle unha nova imaxe á casa consistorial de Cotobade
Por Redacción
A casa consistorial de Cotobade, situada no núcleo da Chan, vai a ser obxecto dunha reforma integral. Será con cargo ao Plan ReacPon da Deputación de Pontevedra, que achegará 392.000 euros dos 490.000 nos que está orzamentada esta actuación.
O inmoble, que data de principios dos anos 70, presenta deterioracións e circunstancias a mellorar, como as instalacións de electricidade, calefacción ou servizos dixitais.
A intervención integral que se vai a acometer resolverá a carencia de eficiencia enerxética, a súa necesidade de máis espazos e dunha mellora funcional.
Entre as actuacións, dotarase de illamento térmico ao inmoble, renovarase a produción de auga quente, mudarase a distribución dos andares (entre eles o ascensor e o salón de plenos) e crearase unha nova imaxe para a fachada principal.
Ademais, tamén se recuperará o contraste entre o granito e os panos pintados de branco, senlleiro na arquitectura clásica galega.
O convenio para financiar esta actuación foi asinado este luns pola presidenta da Deputación, Carmela Silva, e o alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, que defendeu a necesaria "volta de torca" que precisaba a vella casa consistorial.
Malia poder ter presentado outros proxectos a este plan, o rexedor asegurou que se escolleu esta reforma xa que era unha necesidade que pedían tanto os traballadores como os veciños.
Silva, pola súa banda, subliñou que as casas dos concellos "teñen que ser lugares moi dignos", porque son "as casas da veciñanza" e porque desde aí préstanse servizos que deben ser adaptados, con edificios modernos, accesibles e que resolvan as dificultades dos concellos.
Ambas administracións agardan que as obras poidan estar rematadas antes do mes de abril.