A Deputación asumirá todo o investimento para mellorar o acceso á praia de Aguete en Marín
Por Redacción
Carmela Silva, presidenta da Deputación, anunciaba este luns que a Xunta de Goberno Provincial aprobaba un investimento de máis de 320.000 euros para a rede de estradas provinciais, seguindo a liña para mellorar a mobilidade cun modelo sostible, amable e seguro, segundo expresou a máxima mandataria.
Desta forma, o goberno da institución provincial aprobou o financiamento de 69.252 euros a través do Plan Concellos 2022 para crear unha senda peonil no acceso á praia de Aguete de Marín, na EP-1205. Con esta achega, a Deputación completará todo o pago deste proxecto que ten un custo de 230.840 euros.
Silva destacou que se trata dunha praia moi concorrida e establecerase un acceso peonil diferenciado pola marxe dereita da estrada en dirección á praia, cun zona cun ancho de 2,5 metros, separada da calzada con marcos. Tamén se instalará sinalización horizontal e vertical. A estrada contará cunha beiravía de 50 centímetros de ancho na súa marxe esquerda e unha cuneta de seguridade da mesma anchura.
PONTE CALDELAS
A Xunta de Goberno aprobaba o convenio co Concello de Ponte Caldelas para abordar tamén integramente o proxecto de mellora de seguridade viaria na EP-0407 entre Borela e Ponte Caldelas. O investimento ascende a 255.624 euros, explicou Carmela Silva e será asumido pola institución provincial porque o Concello ten previsto pedir outra achega económica enpara financiar o convenio.
A obra realizarase ao longo de 225 metros desta estrada que percorre o centro urbano á altura da Rúa Lepanto da vila. Converterase nun espazo con prioridade peonil e garantindo a accesibilidade para persoas con dificultades de mobilidade. Na zona crearase un espazo de convivencia con límite de velocidade para vehículos a 20 km/h. Tamén se realizarán traballos de xardinería e instalación de luminarias modernos e de deseño, soterrando as liñas eléctricas e de telecomunicacións que actualmente ocupan o espazo aéreo. Ademais, executarase unha nova rede de iluminación pública con luces LED para potenciar o aforro enerxético.