O 99,2% dos contaxiados por covid en Galicia está na súa casa sen problemas sanitarios importantes
Por Oskar Viéitez
O 99,2% dos contaxiados por covid en Galicia está na súa casa sen presentar problemas sanitarios importantes, mentres que soamente o 0,1% está na UCI e o 0,7% está en planta de hospitalización. Sinalouno así este domingo o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo.
Ademais de constatar que Galicia está a vivir unha baixada no número de casos de covid-19 e da positividade, o titular do Goberno galego dixo que, para a reunión do comité clínico prevista para este martes, espera "poder diminuír as escasas, pero algunhas, restricións" que aínda están en vigor para a hostalería e o lecer nocturno.
Desde o pasado 31 de decembro, bares e restaurantes deben pechar a medianoite excepto venres e sábados, que o fan á 1:00 da mañá; mentres que pubs e discotecas teñen de límite as 3:00 horas. Ademais, as reunións de non conviventes seguen prohibidas de 3 a 6 da madrugada.
O comité clínico tamén avaliará tamén o protocolo para a celebración do Entroido que, segundo avanzou Feijoo, será un "protocolo máis laxo e que vai permitir unha maior interacción, sobre todo no exterior".
"Manteño un certo optimismo de que as cousas en próximas semanas irán mellorando e podamos ir recobrando a normalidade e ir diminuíndo as restricións, pero o ritmo desa diminución vai marcar o comité clínico e, a partir de aí, seguir vacinando e facendo test", dixo o presidente da Xunta.
Este luns iníciase a inoculación da terceira dose á franxa de 18 a 29 anos, tendo en conta que xa están inmunizados co reforzo todos os galegos de 40 ou máis anos.