Detido un pontevedrés que trepou por unha fachada para roubar nunha oficina de Vilagarcía
Por Redacción
A Policía Local de Vilagarcía detivo na madrugada do xoves un individuo que pretendía roubar nunhas oficinas situadas nun piso da rúa San Roque. O máis curioso do caso é que o ladrón accedeu trepando pola fachada do inmoble.
O suposto ladrón é un veciño de Pontevedra de 55 anos de idade que acabou detido por tentativa de roubo con forza.
Os feitos aconteceron ás 01.45 horas da madrugada e a Policía Local logrou deter o home grazas ao aviso dun viandante que chamou por teléfono avisando de que un home estaba trepando pola fachada dun edificio de San Roque e accedendo ao interior dun piso a través dunha fiestra.
Ao chegar ao lugar, a patrulla policial comprobou existencia de danos nas tubaxes e cableados de servizos que discorren ancorados pola fachada e observou unha fiestra entre aberta.
Cando ían a facer a inspección ocular dende fóra coa axuda dunha grúa do Servizo de Emerxencias, achegouse ao lugar o propietario da empresa con sede no devandito piso que, ao vivir nas inmediacións e ver o despregue, baixou a interesarse polo que estaba a suceder.
O home abriu a porta do piso e acompañou aos axentes para que inspeccionaran o interior e nunha das dependencias atoparon agochado o individuo finalmente detido.
O propietario da empresa comentou que hai uns meses xa sufrira un roubo co mesmo modus operandi no que se lle tiñan subtraído 300 euros e un ordenador.