A presión hospitalaria aumenta e xa roza os 90 pacientes ingresados con covid-19
Por Natalia Puga
A presión asistencial segue en aumento na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés derivada da expansión da covid-19 e este venres xa hai 89 pacientes coa enfermidade ingresados nos hospitais pontevedreses.
O último balance oficial, con datos das seis da tarde do xoves, recolle que hai seis pacientes hospitalizados máis que o xoves na área sanitaria, cinco máis en planta convencional e un máis na unidade de Coidados Críticos do Hospital Montecelo.
Son, en concreto, oito pacientes en UCI e 81 ingresados en planta de hospitalización: 66 no Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra, 2 no Hospital QuirónSalud Miguel Domínguez e 13 no Hospital do Salnés.
Os casos activos continúan en aumento, aínda que o ritmo de crecemento retardouse nas últimas xornadas. Nas últimas 24 horas confirmáronse 661 novos positivos, aínda que houbo 576 altas de pacientes, de modo que tan só hai 85 casos activos máis que no último parte.
Actualmente hai na área sanitaria 9.260 casos activos, dos que 9.171 permanecen illados no seu domicilio con síntomas leves ou asintómaticos.
Desde o inicio da pandemia curáronse 33.800 pacientes e faleceron 239 pacientes.
En canto a realización de probas diagnósticas, nas últimas 24 horas fixéronse 735 PCR, que elevan a 380.368 as xa efectuadas desde o inicio da pandemia. Tamén se realizaron 207.611 test de antíxenos e 118.346 probas diagnósticas doutra natureza para detectar a covid-19.
Relacionadas:
-
A área sanitaria chega ás 240 vítimas mortais desde o inicio da pandemia co falecemento dun home en Montecelo
Por Redacción |
-
A área sanitaria ten 9.258 casos activos por covid-19
Por Oskar Viéitez |
-
A área sanitaria de Pontevedra supera a barreira dos 9.000 casos activos por covid-19
Por Alejandro Espiño |