Tráfico abre 90 expedientes cada ano para investigar a perda de actitudes psicofísicas de condutores
Por Natalia Puga
A Dirección General de Tráfico realiza nos últimos anos unha especial vixilancia e control sobre aqueles condutores que presenten signos evidentes de perda das aptitudes psicofísicas precisas para conducir con seguridade e desde o ano 2018 abriu en Pontevedra unha medida de 90 expedientes ao ano.
Trátase de expedientes que buscan determinar se os condutores deben perder a vixencia do carné de conducir por esas posibles perdas de aptitudes psicofísicas e, como resultado, tan só unha pequena porcentaxe dos condutores expedientados, entre o 12 e o 20 por cento, acaban co carné retirado por non ser aptos para a condución.
Segundo os datos facilitados pola Xefa Provincial de Tráfico, Paula Yubero, a nivel provincial tramitáronse 91 expedientes en 2018 e 90 cada ano en 2019 e 2020. Os datos definitivos de 2021 aínda non están pechados, pero a responsable provincial sinalou esta semana, en rolda de prensa, que o número "é menor".
As estatísticas facilitadas a PontevedraViva recollen que dos 91 expedientes tramitados en 2018, un total de 18 implicaron un resultado de non apto. En 2019 foron non aptos 11 de 90 e en 2020, 16 de 90. A eses condutores retíraselles o permiso de conducir.
Esta semana, con motivo da presentación do balance de tráfico de 2021, Yubero indicou que en 2021 reducíronse os expedientados.
Este tipo de expedientes ábrese, fundamentalmente, a condutores de idade avanzada dos que Tráfico ten constancia que poden perder aptitudes e poden entrañar un risco na estrada, pero tamén hai outros moitos supostos.
O habitual é que estas situacións cheguen a coñecemento da DGT por varios medios, a través das Forzas e Corpos de Seguridade -fundamentalmente, axentes de Tráfico que detectan infraccións nestes condutores-, a través de familiares ou directamente de informacións facilitadas polo Instituto Nacional da Seguridade Social. Cando dan unha incapacidade a un traballador, se é profesional, comunícano ás autoridades da materia para que valoren se pode seguir conducindo.
Relacionadas:
-
Tráfico intensifica os controis co Nadal "para que todos poidan volver coas súas familias"
Por Natalia Puga |
-
VÍDEO.- Unha veciña de Poio de 73 anos, denunciada por circular en sentido contrario pola AP-9
Por Natalia Puga |
-
Unha semana co ollo máis atento á velocidade de vías convencionais e urbanas
Por Redacción |
-
Vilagarcía tramitou en 2021 "un número significativo" de infraccións graves e moi graves ao volante
Por Redacción |
-
Os accidentes de motocicleta e os condutores con infraccións reincidentes, cabalo de batalla para mellorar a seguridade viaria
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |