Piden instalar unha rampla de acceso ao cemiterio de San Adrián de Cobres
Por Redacción
Ao cemiterio de San Adrián de Cobres, en Vilaboa, só se pode acceder subindo unhas escaleiras. Por iso, o PP pediu ao goberno municipal que instale unha rampla para que os usuarios do camposanto poidan esquivar esta barreira arquitectónica.
O portavoz popular, Alberto Acuña, sinala que tras consultalo cos veciños da parroquia "é necesario afrontar dunha vez por todas" esta actuación para que o cemiterio teña unha entrada sen escaleiras desde a N-554.
Así o trasladou Acuña á comisión municipal de contratación, que revisou o proxecto de execución de melloras do cemiterio.
"Calquera actuación neste cemiterio se non se afronta este acceso será un apaño", sinala o edil do PP, que entende que esta actuación facilitaría a entrada dos usuarios.
O estado actual do acceso principal ao cemiterio, segundo o dirixente popular, "non resulta cómodo" para o uso dos veciños e sinala que existe "terreo suficiente" na súa contorna para habilitar esta rampla peonil.