Mosquera resta importancia ás críticas pola Barca: "o operativo está funcionando razoablemente ben"
Por Natalia Puga
O concelleiro de Ordenación do Territorio de Pontevedra, César Mosquera, restou importancia ás críticas realizadas por comerciantes e veciños da rúa Echegaray e toda a súa contorna polos prexuízos derivados do corte do tráfico da ponte da Barca. Recoñece que teñen certo eco entre a cidadanía, pero responde asegurando que as primeiras análises do tráfico realizados desde o Concello e a Policía Local apuntan a que "o operativo está funcionando razoablemente ben".
O edil recorda que este corte de tráfico tívose que adoptar "con motivo dunha obra que parece que todos queremos", en relación ás obras para o abastecemento de auga de Acuaes para os concellos da marxe dereita da ría de Pontevedra, e que asumir a outra alternativa para o corte de tráfico proposta "era perigosísimo".
Segundo explicou, a próxima semana farase unha análise máis pormenorizada do operativo de tráfico deseñado con motivo da obra de Acuaes e do seu funcionamento, pero o balance que xa se realizou día a día desde a súa posta márchase permítelles soster que "está funcionando ben" e que tan só houbo un día co tráfico conflitivo, o venres 25 de outubro. E todo iso a pesar de que "se deu nunha época de choivas", cando a circulación por Pontevedra é máis complicada.
Mosquera engade que as críticas que realizou publicamente comerciantes e veciños (e que lles levou a pór en marcha unha campaña de recollida de firmas) están lideradas polo Partido Popular e responden a unha "ofensiva total" do partido da oposición para intentar desacreditar "o modelo de cidade". Non responde ás críticas do alcalde de Poio, o tamén nacionalista Luciano Sobral.
"Xa o intentaron con Benito Corbal sen éxito e estano intentando coa ponte da Barca, parece que con algo de colaboración", sinalou. E para soster que as críticas veciñais son por influencia do PP engade que no Concello de Pontevedra non se recibiu ningunha crítica formal nin petición de entrevista de ningún particular nin colectivo para cuestionar o corte de tráfico da Barca. A única censura por escrito realizouna o Partido Popular a través dunha moción no último Pleno da Corporación.
Respecto diso, criticou que o propio conselleiro de Medio Ambiente, Agustín Hernández, censure o corte de tráfico na Barca a través da súa conta de Twitter, pois "non ten tempo para contestar" a algunhas demandas municipais sobre outros asuntos, pero si para abordar este asunto.
Para concluír, Mosquera asegurou que o Goberno local aínda non ten ningunha decisión tomada sobre a posibilidade de facer permanente este corte de tráfico dun carril da ponte da Barca. Ese decisión adoptarase baseándose en informes de tráfico e, segundo revelou, é algo que "está sobre a mesa desde hai dous anos".
Moreira recórdalle que a baixada da recadación dos negocios da zona é un "hecho objetivo, no opinable"
O voceiro municipal do PP, Jacobo Moreira, respondeu xa a estas afirmacións. Nunha entrevista en Cope Pontevedra, sinalou que "no sabía que tuvíeramos tanta capacidad de influencia" entre os pontevedreses como a que lle atribúe Mosquera.
Moreira recorda a Mosquera que "o certo" é que as caixas de recadación dos negocios de Echegaray e as rúas da contorna "bajaron sustancialmente" tras as restricións na ponte da Barca e que "eso no creo que sea movido por el PP". Fixo alusión ao "hecho objetivo, no opinable" de que se viu resentida a recadación nos negocios da zona como fruterías, panaderías, pescaderías ou supermercados.
Incide o edil 'popular' en que a redución de clientes é "el medio de vida de comerciantes", que non necesitan que os move o PP, senón que protestan porque "realmente sus negocios están sufriendo" e que este "declive" chegou a raíz do corte na Barca.
Relacionadas:
-
Moreira: "Los vecinos apuestan ya por un cambio en el Concello"
Por Oskar Viéitez |
-
Os comerciantes de Echegaray recollerán firmas para esixir a reapertura da Barca
Por Oskar Viéitez |
-
O alcalde de Poio rexeita o corte de tráfico na ponte da Barca imposto "unilateralmente" por Pontevedra
Por Oskar Viéitez |
-
Estudan que os cambios na circulación aplicados no contorno da Barca sexan definitivos
Por Alejandro Espiño |