Caldas proxecta a humanización do Campo da Torre e as rúas San Roque e Gaioso
Por Redacción
O Concello de Caldas informou este martes dos traballos subvencionados con 50.000 euros pola Deputación de Pontevedra, a través do Plan Ágora, para a redacción dos proxectos de humanización do Campo da Torre e das rúas San Roque e Gaioso, incluídas na zona ARI de Santo Tomé de Caldas.
O Concello xa conta co anteproxecto de recuperación, posta en valor, mellora paisaxística e mellora da mobilidade sostible nesta zona histórica do Camiño de Santiago en Caldas, redactado polo estudo Castroferro Arquitectos, que programa as actuacións de reforma urbana nunha área de case 6.000 metros cadrados e estima un orzamento total das obras en 1.211.558 euros.
A área de actuación inclúe o espazo completo do Campo da Torre, o tramo do Camiño de Santiago que transcorre pola rúa San Roque ata a capela do mesmo nome, a rúa Gaioso ata o entronque coa rúa Silgadas e o tramo da rúa Fermín García Díaz máis próximo ao río Bermaña. Todos eles terán plataforma única e pavimentos de alta calidade en diferentes tipoloxías de pedra.
As actuacións propostas están enfocadas á recuperación de todo espazo público singular que ten un enorme valor patrimonial, etnográfico e cultural, fomentando a seguridade vial e as actividades cotiás dos habitantes da vila e as relacionadas co Camiño de Santiago, priorizando a mobilidade activa e peonil e mellorando a calidade urbana e ambiental do conxunto.
O alcalde, Juan Manuel Rey, valora "moi positivamente" o apoio do Plan Ágora da Deputación de Pontevedra "para facer realidade este proxecto de mellora urbana dunha zona de grande interese turístico e patrimonial como é o Campo da Torre e a contorna da Ponte Romana, e que ao mesmo tempo permitirá mellorar a calidade de vida da veciñanza desta zona e das rúas San Roque e Gaioso”.
O concelleiro de Medio Ambiente e Obras, Manuel González, destaca que estes traballos teñen como obxectivo humanizar amplas zonas do centro urbano "e agora xa estamos traballando para executar os traballos do Plan Ágora, solicitar as autorizacións sectoriais e obter nova financiación para a execución das obras proxectadas”.