COGAMI e 160 empresas de Pontevedra empregaron persoas con discapacidade
Por Redacción
A Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (COGAMI) informa de que nos últimos cinco anos un número crecente de empresas da provincia de Pontevedra propiciaron a contratación de persoas con discapacidade.
Neste período, un total de 853 empresas galegas abriron un proceso de selección de persoal na busca de perfís que mellor se adaptasen ao posto demandado. Para este proceso, contactaron co Servizo de Orientación e Intermediación Laboral (SIL) de COGAMI, colaborador do Servizo Público de Emprego de Galicia.
Unha destas empresas inclusivas que aposta pola igualdade de oportunidades é Cover Global, firma de enerxías renovables con sede na avenida María Vitoria Moreno de Pontevedra e que contactou co servizo de intermediación laboral de COGAMI para incluír no seu cadro de persoal a persoas con discapacidade. Das 115 persoas que traballan no grupo, dúas teñen unha discapacidade.
Segundo explica o socio administrador, Íñigo Domínguez, "non hai ningunha diferencia entre un traballador con discapacidade e outro que non a ten. As persoas que traballan aquí desenvolven o seu traballo sen ningún problema. Nos dous casos non hai ningún labor específico que non poidan desenvolver".
Empresas como a que dirixe Íñigo Domínguez propiciaron que, nos últimos cinco anos, 1.662 persoas con discapacidade tivesen unha oportunidade laboral en Galicia. Deste total, 161 son empresas das comarcas nas que actúa a oficina de emprego de COGAMI en Pontevedra: Caldas, Deza, O Morrazo, O Salnés, Tabeirós Montes e Pontevedra.
RUBÉN LORENZO, UN CASO DE ÉXITO
Unha destas insercións foi a de Rubén Lorenzo. Chegou de Pamplona a Pontevedra hai un ano e contactou co SIL de COGAMI porque precisaba traballar. O mesmo día da entrevista, a orientadora laboral comentoulle unha oferta de emprego que encaixaba co seu perfil profesional, polo que enviaron a súa candidatura.
Un mes despois, tras superar a entrevista de selección da empresa, Rubén entrou a formar parte do departamento de loxística de Cover Global.
"A veces falas de discapacidade e o relacionan con problemas e tampouco é así. Ao final somos xente normal e corrente que podes facer o teu traballo igual ou mellor", explica Rubén, quen en pouco tempo foi acadando máis responsabilidades na empresa que apostou pola súa incorporación ao equipo. "A discapacidade limítame para certas cousas, pero non para traballar".
Cada vez son máis as empresas que incorporan aos seus cadros de persoal a profesionais con discapacidade, "se ben é certo que o SIL ten que seguir co seu labor de informar, asesorar e sensibilizar a moitas outras que, por descoñecemento, aínda non se atreveron a contratar a persoas con discapacidade e con capacidades", manifestan desde COGAMI.
Relacionadas:
-
Os fondos do recadro social da Renda axudan a mellorar as instalacións de COGAMI en Monte Porreiro
Por Redacción |
-
Seis maiores de 45 anos fórmanse en informática con COGAMI para mellorar o seu acceso ao emprego
Por Redacción |
-
COGAMI alerta dos efectos da crise sanitaria nas persoas con discapacidade
Por Redacción |
-
COGAMI inicia un novo curso de inserción laboral en Monte Porreiro
Por Boris Rodríguez Pintos |
-
14 persoas fórmanse como auxiliares de panadería nun curso de Cogami
Por Redacción |