Esixen á Xunta un maior control das liñas de transporte escolar en Poio
Por Redacción
A concelleira de Educación, a nacionalista Raquel Rodríguez, vén de remitir un escrito á Xunta de Galicia, a través do cal solicita que se realice un maior control e coordinación das empresas responsables das liñas de transporte escolar por parte da administración autonómica.
A edil do goberno local enviou esta solicitude, que tamén foi trasladada por teléfono á inspectora escolar, dando así resposta á reivindicación e inquedanza das familias, que perciben que "en moitas ocasións, os rapaces e rapazas vense na obriga de cubrir traxectos máis longos, coas conseguintes molestias en canto ao horarios de saída e chegada ás paradas se refire".
É por isto polo que Rodríguez insta ao goberno autonómico do PP a que "acade unha solución definitiva e axeitada" para "evitar estes desaxustes".
Ademais, a concelleira de Educación lembra a necesidade de que tamén se dea cumprimento a outras cuestións formuladas polo Concello de Poio a principios de curso, entre as que figuraba a realización de inspeccións periódicas por parte da Consellería de Educación á empresa concesionaria, de modo que se garante "o correcto funcionamento do servizo", así como o cumprimento de aplicación de protocolos COVID ou que se elabora unha listaxe de usuarios.
Precisamente, a día de hoxe a administración local está realizando os controis pertinentes a través da Policía Local. A modo de exemplo, Rodríguez refírese á situación que se está a vivir no CEIP Isidora Riestra, en San Xoán.
"A día de hoxe aínda non se comunicaron de xeito oficial as paradas que afectan ao transporte neste centro, o que está a provocar un profundo malestar e moitas molestias ás familias", advirte Raquel Rodríguez, que, unha vez máis, lamenta a "desorganización e os recortes por parte da Xunta do Partido Popular neste tipo de cuestións", algo que "xa provocou problemas similares a principios de curso noutros centros educativos", como foi o caso do IES.
Relacionadas:
-
O Concello de Poio culpa á Xunta da "desorganización" das liñas de transporte
Por Oskar Viéitez |
-
O PP de Poio solicita unha saída na AP-9 en Portosanto e a senda peonil entre A Seca e Combarro
Por Redacción |
-
Poio insta á Xunta a que resolva os problemas no transporte escolar do IES da Fontenla
Por Redacción |