Un acusado admite que trapicheaba con droga e exculpa a un dos seus clientes
Por Oskar Viéitez
A sección segunda da Audiencia Provincial de Pontevedra deixou visto para sentenza o xuízo contra dous veciños de Bueu por un delito contra a saúde pública.
No banco dos acusados sentáronse dous homes, un deles recoñeceu que vendía droga para soster a súa propia drogadicción e precisou que o seu compañeiro non trapicheaba con droga senón que era un simple cliente.
Os feitos tiveron lugar en outubro do ano 2017 na localidade de Bueu, a Garda Civil mantiña unha vixilancia sobre o primeiro dos acusados comprobando que se dedicaba polo miúdo de droga. Nun deses intercambios interviñeron os axentes cando se atopaba co outro acusado, ao que a Garda Civil recoñeceu que non vira antes durante aqueles seguimentos.
Este último explicou que traballa como mariñeiro e que permanece embarcado gran parte do ano pero ao chegar a terra consumiu pequenas cantidades de cocaína e heroína que comprou ao outro procesado.
O valor da droga que lle atoparon os axentes non superaba os cen euros. A súa avogada pediu a libre absolución.
O primeiro acusado asumiu a autoría dos feitos e a letrada que exerce a súa defensa pediu que se contemple a atenuante de drogadicción, xa que este home, de 54 anos de idade, está enganchado ás drogas desde que tiña 17 anos. Ademais colaborou voluntariamente no rexistro do seu domicilio onde se lle interviñeron outras pequenas cantidades de substancias estupefacientes. A defensa deste acusado quere que a condena se limite a un ano de prisión.
A Fiscalía mantivo os cargos contra estes dous acusados.