Solicitan ao Concello que axilice a retirada das cabinas do centro histórico
Por Redacción
Desde o pasado 1 de xaneiro, coa entrada en vigor dunha disposición da nova lei xeral de telecomunicacións, a compañía Telefónica xa non está obrigada a manter nas rúas das cidades as vellas cabinas telefónicas, actualmente en desuso pola telefonía móbil.
De aí que desde a asociación de comerciantes Zona Monumental solicitaran ao Concello que axilice os trámites para retirar do centro histórico estas cabinas.
Citan expresamente as dúas instaladas na Praza de Curros Enríquez e no ámbito da Peregrina, que están abandonadas desde hai tempo e que presentan unha imaxe "bastante lamentable".
Os comerciantes, no escrito presentando ante a administración municipal, recordan que Telefónica "hai anos que xa non facía o mantemento preciso" destes equipamentos.
Agora que xa non son consideradas un servizo universal obrigatorio, Zona Monumental entende que é o momento se retiralas definitivamente das rúas e prazas da cidade.