Rueda non ve "xusto" que o Goberno "abandone" a idea de manter os postos de traballo de ENCE en Pontevedra
Por Oskar Viéitez
O vicepresidente primeiro da Xunta e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Turismo, Alfonso Rueda, mostrouse crítico coa ministra de Transición Ecolóxica, Teresa Ribera, por "abandonar" a idea de manter os postos de traballo de Ence na comarca en Pontevedra.
Ribera apuntou que un posible traslado da fábrica pasteira de Lourizán "es más fácil en las zonas que hemos calificado como de transición justa", en referencia á área das Pontes e a de Cerceda, afectadas polo peche das centrais térmicas.
"Non parece nin serio nin xusto con Pontevedra que se abandone esa posibilidade e que se fale de novos investimentos noutros lugares sen tentar consolidar o que xa hai", declarou o vicepresidente primeiro.
Alfonso Rueda sinalou que "o primeiro hai que tentar é que eses postos de traballo que xa existen en Pontevedra, que se manteñan nesta comarca".
O número dous do goberno galego insistiu en que "primeiro hai que consolidar o que ha hai e despois tentar que novos investimentos sexan tamén na comarca onde Ence ten as instalacións".
Unha vez máis, o vicepresidente primeiro da Xunta reiterou a súa aposta pola adscrición ao Porto de Marín dos terreos que ocupa actualmente Ence en Lourizán. Isto permitiría sortear o problema creado polas sentenzas da Audiencia Nacional que anulan a prórroga da concesión de Costas a Ence na ría de Pontevedra. Se estes terreos de dominio público marítimo terrestre adscríbense ao ámbito portuario, deixaría de serlle aplicable a Lei de Costas e pasaría a depender directamente de Portos do Estado.
"Hai unha solución que ao goberno non lle gusta nada, nunca nos explica por que non é viable", dixo hoxe Alfonso Rueda. "Falan de antigos informes, pero hai un informe agora mesmo do Consello Consultivo que di que iso é posible, por tanto exploremos esa posibilidade".
Por último, Rueda insistiu en que "se hai novos investimentos que estean onde xa están, antes de explorar outras vías".
Relacionadas:
-
Pilar Rojo pregunta no Senado sobre Ence e a nova xurisprudencia para concesións costeiras
Por Redacción |
-
Rueda, sobre un posible traslado de Ence a As Pontes: "Non parece lóxico vestir un santo a costa de desvestir outro"
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
Galicia en Común acusa no Congreso á Xunta de tramitar licenzas de obra a Ence malia as sentenzas que anulan a prórroga
Por Mónica Patxot & Redacción |
-
O Pleno do Consultivo desestima realizar declaracións públicas sobre o informe dos terreos de ENCE
Por Oskar Viéitez |
-
Rafa Domínguez, portavoz do PP de Pontevedra: "Son moi pesimista co futuro de ENCE en Pontevedra"
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
A APDR pide a dimisión do presidente do Consello Consultivo se non "desminte" a "manipulación" do informe sobre os terreos de ENCE
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
Feijóo insiste en adscribir ENCE ao porto de Marín e o Goberno apunta a As Pontes ou Cerceda
Por Alejandro Espiño |
-
O Goberno busca terreos para trasladar ENCE e pide "implicación" aos concellos interesados
Por Alejandro Espiño |