Tarxeta magnética, automatización e interconexión, a lonxa 4.0 chega á Ría de Pontevedra
Por Natalia Puga & Mónica Patxot
As confrarías da Ría de Pontevedra avanzan no seu proceso de dixitalización a través do programa Primare Lonxas 4.0, unha plataforma tecnolóxica única que integra os sistemas de xestión, comercialización e emisión de notas de venda dos produtos do mar e que, na práctica, no día a día, fai a recta final do traballo dos mariscadores "máis rápido".
A conselleira do Mar, Rosa Quintana, visitou este luns os puntos de control do marisqueo de Lourizán e de Lourido, en Pontevedra e Poio, e a lonxa de Campelo, en Poio, para comprobar o funcionamento desta nova plataforma, que desde o ano 2018 xa chegou a 35 lonxas galegas logo de investir seis millóns de euros en na Ría de Pontevedra leva un ano funcionando.
Mari Carmen Vázquez, patroa maior de Lourizán, destaca que o sistema supón axilizar esta parte final do traballo dos mariscadores e mariscadoras, ese que teñen que facer nada máis saír do mar para rexistrar o que recollen cada día. Sempre e cando o sistema non dea fallo, permite que os traballadores xa teñan no momento información como, por exemplo, canto van gañar ese día.
"É como un tícket do supermercado", resume a patroa maior, que alerta de que, como todo sistema informatizado, ás veces falla e "cando se cae é unha locura". En xeral, non hai problema e facilítalles o día a día, pois as capturas do marisqueo a pé xa se rexistran directamente nos puntos de control ao carón das praias, sen necesidade de agardar á súa chegada á lonxa.
Este sistema Primare é un paso máis na dixitalización das tres confrarías da Ría de Pontevedra e da lonxa. "Imos avanzando", destaca Mari Carmen Vázquez, que engade que este sistema tamén dá unha maior seguridade ao comprador, pois garante que hai control desde o principio.
As mariscadoras e mariscadores teñen unha tarxeta magnética que rexistra todos os datos e todo sistema está automatizado, de maneira que "chegan, pasan a tarxeta e quedan os datos aí metidos, van directos á lonxa e despois ao final están aí, porque non podemos cambialos".
Así, facilita o labor dos profesionais do mar recollendo automaticamente datos do peso, a calidade e a categorización por tamaños da ameixa e tamén garanten un mellor control e seguimento das capturas, pois eses datos chegan ao ordenador central da Consellería do Mar para facer o control diario de todo o que se vende nas diferentes lonxas de Galicia.
O sistema afonda na implantación das últimas tecnoloxías no sector pesqueiro e marisqueiro e, no caso de Pontevedra, dá resposta ás peculiaridades de que o seu centro de primeira venda xestionado por tres confrarías diferentes, a de Lourizán, a de Raxó e a de Pontevedra.
Os profesionais do marisqueo destas tres entidades adoitan traballar de forma simultánea nos bancos dos Praceres, Lourido ou Combarro, polo que foi necesario dotar os puntos de control das infraestruturas informáticas e da conexión a internet necesarias para poder operar directamente desde eles co programa Primare. Ao mesmo tempo, melloran a xestión da actividade das lonxas en eidos como a contabilidade, a facturación, os pagos de impostos ou as xestións sociais.
Rosa Quintana mantivo un encontro con mariscadores e dirixentes das tres confrarías e destacou que este sistema é "a mellor forma de acreditar a trazabilidade do produto, os controis rigorosos que se fan porque o marisco que non dá a talla volve inmediatamente a sementarse na praia".
MELLORA DA COMERCIALIZACIÓN
Galicia sitúase "por diante de todas as rexións pesqueiras europeas", xa que o control estrito da produción dos bancos marisqueiros é automático. En plena pandemia, estanse a cambiar as formas de comercialización e tamén de control, "estamos cerrando o círculo".
Este sistema resulta fundamental para centros de primeira venda con importantes volumes de produto comercializado como a lonxa de Campelo, que o ano pasado poxou máis de 520 toneladas de produtos do mar e superou os sete millóns de euros de facturación, a súa segunda maior cifra de ingresos desde 2009.
Precisamente, nesta lonxa, Quintana anunciou que a Xunta vai investir máis de 600.000 euros nas obras de ampliación e mellora do inmoble. Portos de Galicia xa iniciou o procedemento de licitación dos traballos e as empresas interesadas poden presentar as súas ofertas ata mediados desta semana.