Pontevedra acollerá en febreiro as probas físicas para os aspirantes a policías locais
Por Redacción
O Centro de Tecnificación Deportiva de Pontevedra é o escenario que elixiu a Xunta de Galicia para desenvolver as probas físicas do proceso de selección de 70 novos policías locais.
Ata 870 persoas optan as 70 prazas convocadas en 29 concellos galegos, entre eles Bueu, O Grove, Pontevedra -que seleccionará a cinco-, Sanxenxo e Vilagarcía de Arousa.
As dúas primeiras probas, a avaliación de coñecementos cun cuestionario tipo test de cen preguntas e o exame de lingua galega, celebraranse este xoves en Silleda.
O terceiro exercicio do proceso selectivo, correspondente ás probas físicas, está previsto para o mes de febreiro. Consistirán en carreiras de 50 metros e de 1.000 metros, probas de potencia do tren superior, saltos de lonxitude e natación durante 25 metros.
As persoas convocadas deberán cumprir un protocolo específico de prevención ante a covid-19 para garantir a seguridade dos aspirantes e de todo o persoal.
Así, requirirase para o acceso ao recinto presentar o certificado covid de vacinación ou unha PCR ou proba de antíxenos con resultado negativo nas 48 horas antes das probas
Unha vez rematado o proceso, os aspirantes que superaran as probas deberán facer un curso de formación teórico-práctico obrigatorio na Academia de Seguridade Pública de Galicia, na Estrada, antes de elixir destino e ser nomeados funcionarios en prácticas polos concellos.