Haberá novos talleres de memoria para maiores de 60 anos a partir de febreiro
Por Redacción
Os obradoiros de memoria e comunicación asertiva para persoas maiores continuarán a partir do mes de febreiro nunha ducia de parroquias e barrios de Pontevedra.
Trala boa acollida que tiveron nos últimos meses do pasado ano, a Concellería de Benestar Social e o colectivo Acolle decidiron dar unha nova oportunidade a este programa municipal destinado a maiores de 60 anos que non teñen problemas de memoria vencellados a ningún tipo de demencia.
As clases daranse nos locais sociais e veciñais de Lérez, Marcón, Bora, A Parda, Centro Sur, Mourente, Ponte Sampaio, Tomeza, Estribela, San Roque, Salcedo e no Casino Mercantil. A data de comezo será o 1 de febreiro e terá unha duración de tres meses.
As datas e horarios concretos os avanzarán nos vindeiros días. Tamén porán carteis cos contactos das asociacións veciñais de referencia nos locais correspondentes para formalizar as incricións. O aforo máximo será de 15 persoas por curso.
O concelleiro de Benestar Social, Marcos Rey, lembrou que estes talleres "teñen a finalidade de garantir que os nosos maiores poidan saír da casa, xuntarse, traballar a memoria e exercitala para mantela en boa forma".