Vilagarcía retirará "de xeito inmediato" a cruz falanxista da igrexa de Santa Baia
Por Redacción
A cruz falanxista en homenaxe a José Antonio Primo de Rivera e dos "caídos" do bando nacional que preside un lateral da fachada da igrexa parroquial de Vilagarcía ten os días contados. O goberno municipal retirará este elemento "canto antes".
En cumprimento da lei da memoria histórica e despois de trámites e obstáculos que se prolongaron durante anos, o Concello acaba de aprobar a adxudicación dos traballos de retirada da cruz e dos elementos que a acompañan.
A actuación, que incluirá a posterior restauración da fachada do templo de Santa Baia, custará case 11.000 euros, dos que 6.000 chegan dunha subvención da Deputación.
Os traballos, que levará a cabo a restauradora vilagarciá Iria López -que tamén se encargou da limpeza dos leóns e xerras do Concello e do arranxo da fonte da Praza de Rafael Pazos, entre outras labores- iniciaranse de xeito inmediato.
A igrexa de Santa Baia de Arealonga é un edificio catalogado como ben patrimonial e arquitectónico a protexer. Por esta razón, calquera actuación sobre el debe ser revisada e autorizada pola Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta de Galicia.
Neste caso, o departamento autonómico revalidou en abril do ano pasado o permiso concedido en 2004 para retirar a cruz, traballos que naquel momento non se levaron a cabo por faltar a autorización do Arcebispado.
Nestes momentos xa se conta tamén con ese permiso, o goberno local xa falou co párroco para comunicarlle os plans e tamén se volveu a dirixir a Patrimonio para informarlles da intención de iniciar os traballos.