O terceiro concurso de escaparates de Nadal celebrado en Bueu xa ten gañadores
Por Redacción
O terceiro concurso de escaparates celebrado durante o Nadal e organizado pola Asociación Veciñal da Banda do Río xa ten gañadores. A tenda de roupa Nene's foi a elixida para facerse co primeiro premio, Atlantic Coast levou o segundo e a Panadería Ana Lorenzo, o terceiro.
O acto de entrega celebrouse no estaleiro da Banda do Río e nel participaron o concelleiro de cultura, Xosé Leal, o presidente do colectivo, Óscar Veiga, e representantes das tendas gañadoras.
O xurado, conformado por membros da asociación e unha persoa experta en escaparatismo, valorou o uso da lingua galega na proposta creativa, a creatividade e orixinalidade, o deseño e a harmonía e a exposición do produto ou servizo. Tamén tiveron en conta as votacións do público a través da páxina de Facebook da asociación, na que se recibiron máis de catrocentos votos e que permitiron outorgar o premio do público a Nene's.
Durante a entrega de premios, Veiga quixo agradecer a colaboración de todos os establecementos, "pola súa contribución e dinamización do comercio local nunhas datas tan sinaladas" e destacou a gran calidade da vintena de participantes do certame, que este ano celebrou a súa terceira edición e que agarda seguir manténdose no tempo.
Pola súa banda, Xosé Leal agradeceu a colaboración do colectivo "para animar este Nadal tan atípico e anormal".