A futura Praza do Pintor Arturo Souto, sen barreiras arquitectónicas e con plataforma única

Por Alejandro Espiño
Tras completar a reforma integral de Loureiro Crespo, o Concello actuará noutro ámbito urbano dese barrio. Trátase da Praza do Pintor Arturo Souto, que mudará completamente de aspecto cuns traballos destinados a reforzar a accesibilidade desta zona.
O proxecto, segundo destaca o goberno municipal, foi consensuado cos veciños e comerciantes, cos que se reuniron esta semana para explicarlles os detalles das obras que, se non hai imprevistos, comezarán este mesmo luns.
A actuación permitirá eliminar todas as barreiras arquitectónicas da praza e habilitar unha plataforma única, recuperando o espazo para o uso libre das persoas.
Así, desaparecerá o carril de vehículos que bordeaba a praza. Unha vez rematada a obra, os vehículos poderán seguir accedendo ata o final deste espazo, pero deberán facelo limitando a velocidade, convivindo cos peóns e sen preferencia, ao non contaren cun paso de seu.
Ademais, as laranxeiras da zona serán transplantadas a outro lugar da cidade, pois serán renovadas por outro tipo de arboredo.
Nese sentido, o edil de Obras, Demetrio Gómez, sinalou que non hai unha preferencia, pero que serán as que os técnicos poidan plantar no momento de remate da obra e dependerá da tempada e dos exemplares que haxa no viveiro.
Ante a actual situación sanitaria, sumada aos problemas de subministracións, o Concello non avanza unha data final para estes traballos, pero agarda que sexa o antes posible.
Relacionadas:
-
Obradoiro infantil e concerto de jazz para inaugurar a praza Arturo Souto
Por Redacción |
-
A nova Praza Pintor Souto amplía os espazos de convivencia no ámbito de Loureiro Crespo
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
A reforma da contorna de Loureiro Crespo finalizará en maio debido ao atraso na subministración de materiais
Por Redacción |
-
A reforma da praza Pintor Arturo Souto avanza coa retirada do vello pavimento
Por Redacción |
-
O asfaltado do Castañal completa a reforma urbana do barrio
Por Redacción |
-
O Concello celebra a reapertura de Loureiro Crespo tras a súa reforma integral
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |